CIG-Industria denuncia o despedimento represivo de varios traballadores en Maessa Naval que secundaron a folga

Ferrol - 14 Feb 2024

A CIG-Industria de Ferrol quere denunciar e rexeitar con contundencia a "actitude mafiosa" da dirección de Maessa Naval S.L.U polo despedimento este mércores de varios traballadores. Aínda que a empresa alega que este persoal non pasou o período de proba, para a federación de Industria o motivo real do despedimento radica en que secundaron a folga convocada no día de onte en Maessa e participaron na concentración realizada ás portas de Navantia.

Critican que "isto é algo que a dirección de Maessa no estaleiro non está disposta a tolerar" e subliñan que este tipo de actuacións non son illadas. Nas eleccións sindicais, esta mesma dirección "coaccionou a varios traballadores para que non formaran parte de candidaturas que non lles resultan afíns e xa en varias ocasións despediu  a outro persoal simplemente por dar a súa opinión nalgunha asemblea".

Denuncia a CIG-Industria de Ferrol que, ademais, cando a comisión de auxiliares do comité de Navantia Ferrol tentou mediar neste conflito, a dirección de empresa, "cunha actitude que se pode cualificar como chulesca, negou a posibilidade de ningunha saída negociada, despedindo, posteriormente, a varios traballadores".

Pero este persoal que agora Maessa di que non superou o período de proba leva anos desenvolvendo a súa actividade laboral noutras empresas so sector "nas que si cumprían as expectativas". A este respecto, a CIG-Industria lembra nas auxiliares do naval o persoal dunha compañía a outra en función da carga de traballo, atesourando unha grande experiencia profesional adquirida ao longo dos anos. "Toda esa gran familia sabe moi ben a razón pola que foron despedidos estes compañeiros e esa, e non outra, é a intención de Maessa, un escarmento para que todo o mundo saiba que en Maessa, se non acatas as imposicións da empresa, estás fóra", alertan.

As decisións arbitrarias e inxustas desta empresa chocan coas queixas reiteradas das auxiliares pola falta de man de obra que hai actualmente no sector. "Mais Maessa, engade a CIG-Industria, prefire prescindir de obreiros cualificados antes que tolerar un dereito fundamental como o dereito de folga. A estratexia da dirección de Maessa nos estaleiros da ría sempre foi a política do medo. Medo sementado e espallado por certos elementos desta dirección e coa complicidade necesaria dalgúns dos encargados de obra". 

Así as cousas, a CIG, ademais de trasladar todo o apoio e solidariedade aos traballadores despedidos, fai un chamamento ao resto de persoal  de Maessa e aos compañeiros e compañeiras que poidan acompañalo "para que non permitan que esta dirección mafiosa os amedrente e secunden o paro que teñen convocado para mañá entre as 8:00h e ás 12:00h".