CIG-Industria desenvolve unha acción solidaria co despedido de Cumegal denunciado por pegar carteis contra a represión sindical

A concentración tivo lugar diante do Xulgado de Ribadavia coincidindo co acto de conciliación

Vigo -

Arredor de 20 delegados sindicais da federación de Industria da CIG de Ourense desenvolveron este luns unha nova concentración solidaria co traballador despedido pola empresa Cubiertas Metálicas Gallegas (Cumegal) que recentemente foi denunciado por pegar carteis rexeitando a represión sindical. A protesta tivo lugar este luns diante do Xulgado de Ribadavia, na Praza Maior, coincidindo co acto de conciliación.

Dende a CIG-Industria de Ourense explican que a protesta foi convocada en solidariedade co traballador de Cumegal despedido tras presentarse ás eleccións sindicais na candidatura da central, que foi denunciado recentemente polo xerente da empresa por ter pegado carteis e repartido panfletos rexeitando a represión sindical que padeceu na empresa.

A concentración tivo lugar este luns diante do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución, situado na Praza Maior de Ribadavia, onde se celebrou o acto de conciliación, que rematou sen acordo entre as partes. Alí despregaron unha faixa co lema “Non á represión en Cumegal” e berraron consignas rexeitando a actitude da empresa. Dende a central adiantan que continuarán coas mobilizacións e coa campaña de denuncia contra a represión sindical que se vive na compañía.

Volver