CIG empraza o comité de Navantia e os sindicatos a avanzar un calendario de mobilizacións para recuperar os acordos da auxiliares

A Federación de Industria destaca que "non hai nada que celebrar" no proxecto de orzamentos de 2018
Ferrol - 12 Abr 2018

A CIG-Industria de Ferrol informou este xoves en rolda de prensa dos acordos adoptados na xuntanza do subsector do naval, a respecto do persoal da industria auxiliar e sobre o modelo de empresa que se demanda para Navantia. Este organismo da Federación, renovado onte mesmo, está integrado por todos os delegados e delegadas da central sindical nas empresas do naval da comarca, tanto da principal como das auxiliares.

Vicente Vidal, secretario comarcal da CIG-Industria, e Ramón Fernández, secretario de Organización da CIG-Ferrol, explicaron que dende o subsector acordouse facer un chamamento ao comité de empresa de Navantia Ferrol, así como ás federacións das centrais sindicais que teñen representación no mesmo, para que se convoquen conxuntamente asembleas do persoal das auxiliares na que se propoña un calendario de mobilizacións para recuperar os acordos de 2001.

Neste senso, Vidal lembrou que dende a suspensión da folga non se ten avanzado nin un ápice na recuperación dos dereitos e salarios do persoal das auxiliares e logo da xuntanza da mesa do naval en febreiro, que as empresas abandonaron, as conversas están totalmente rotas. "Dende a CIG nunca acreditamos na viabilidade destas mesas, sempre denunciamos que non eran máis que unha vía morta para as lexítimas reivindicacións do persoal das auxiliares. Por iso, temos que pasar a acción e esta ten que ser unha acción conxunta, de todo o sector", aseverou.

Neste senso, engadiu que a división entre os traballadores e traballadoras da empresa principal e das auxiliares "xa representa por si propia unha aberración, mais a división entre persoal de aceiros e de servizos, ou persoal de carenas e de obra nova, é o veleno que nos inoculan para debilitarnos e vencernos. Hai que tomar conciencia do que somos e recuperar a unidade e a mobilización para acadar unha solución definitiva".

Recuperar a construción naval civil

Outro dos acordos adoptados pola Federación ten a ver coa elaboración dunha proposta sindical que recolla o modelo de empresa "que queremos para Navantia". Un modelo que aposta pola diversificación industrial e que pasa pola recuperación da construción civil para os estaleiros da Ría de Ferrol. "Ao goberno, a SEPI e a dirección de Navantia éncheselles a boca falando de diversificación, pero todos os esforzos están centrados na construción militar, nos contratos internacionais (de ámbito militar) e nas alianzas con empresas tecnolóxicas internacionais (de corte militar tamén)", denuncia Fernández.

Referiuse a comparecencia da presidenta da SEPI no Senado onde asegurou que Navantia non vai entrar a competir cos estaleiros civís privados, remarcando que está sobre todo especializada en defensa. Na súa intervención, Pilar Platero expón que para o financiamento do plan estratéxico 2018-2022 teñen en previsión unha carteira de pedidos por valor de 11.000 millóns de euros, "pero ademais de ser contratos que están no aire, son todos do mercado militar", subliña Fernández. "Rexeitamos o deseño da empresa anunciado pola SEPI, carente de medidas dirixidas á recuperación do mercado civil, e auto compracente coa actual situación".

Para a CIG-Industria a diversificación posíbel, "a que ten un fundamento na historia da empresa, na posibilidade de xerar sinerxías que supoñan algunha vantaxe competitiva, e na vocación de toda unha sociedade, é a recuperación da construción civil".

Nada novo nos orzamentos

De igual xeito, dende a CIG-Industria quíxose trasladar a preocupación polo proxecto de orzamentos do estado que vén de presentar o Goberno español. Así, Vidal e Fernández quixeron desmentir a "propaganda" xerada arredor da presentación dos orzamentos, pois no relativo ás fragatas F-110 "non existen diferenzas cualitativas a respecto de anos anteriores". É dicir, tanto en 2016 como en 2017 xa se contemplaban os mesmos préstamos destinados ao “desenvolvemento tecnolóxico e industrial” de proxectos no ámbito militar, para que podan madurarse e probarse “equipos e sistemas de armas” antes de proceder á contratación.

"Non existe, polo tanto, novidade algunha que celebrar neste proxecto de orzamentos. Non houbo anuncio da “execución do contrato” por parte do Ministerio de Defensa. Non estamos hoxe máis preto que onte, nin que hai dous anos, dese contrato tan necesario", aseveraron. Porén, o secretario comarcal de Organización da CIG-Ferrol matizou que si se produciu un salto cuantitativo a respecto das cantidades, "pero iso ten máis que ver coa enxeñaría financeira de Navantia que coa execución de calquera contrato".