CIG-Industria inicia no Parlamento a rolda de entrevistas institucionais en demanda de apoio para os estaleiros da ría de Ferrol

Alerta dun “plan de axuste” que se estaría negociando para converter Navantia nunha empresa de síntese con subcontratación de persoal

Compostela -

A CIG-Industria iniciou este venres a rolda de contactos institucionais cunha entrevista con representantes do grupo parlamentario do BNG, á que seguirán xuntanzas –xa solicitadas- co resto dos grupos parlamentarios, o conselleiro de Industria e a SEPI. Unha campaña coa que buscan o compromiso de todas as institucións na demanda de carga de traballo para os estaleiros da ría de Ferrol e da adopción das medidas necesarias para garantir o seu futuro.

Na xuntanza participaron o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, os membros da sección sindical da CIG de Navantia de Ferrol, Marcelo Amado, de Fene, Emilio Salorio e os deputados nacionalistas Francisco Jorquera e Carme Adán, que se comprometeron a seguir traballando, como lembraron que vén facendo o BNG desde hai décadas, en defensa do sector naval e, nomeadamente, dos estaleiros de Fene e Ferrol.

Os representantes da CIG-Industria transmitiron a súa preocupación pola grave situación que atravesa o sector naval na ría de Ferrol. Unha situación que arrastra desde hai máis de 3 décadas nun proceso de progresivo desmantelamento dos estaleiros e que está a ter graves repercusións, polo seu carácter estratéxico, na economía dunha comarca cada vez máis empobrecida, cos máis elevados niveis de desemprego de Galiza e con cada vez máis altas taxas de emigración e de emerxencia social.

Xunto a isto explicaron que a carga de traballo, fronte á propaganda que se lanza en cada campaña electoral, é “practicamente inexistente”. Alertaron de que todos os investimentos que se están facendo neste momento “están dirixidos a cargarse o sector na ría de Ferrol” e que aínda habendo compromisos positivos de carga de  traballo no sector eólico, “nin temos a tecnoloxía, o que nos fai dependentes, nin xera I+D, nin é man de obra directa do estaleiro a que se emprega”.

Advertiron que a carga de traballo actual para o cadro de persoal principal remata no verán e manifestaron a súa preocupación polo Plan de Restruturación co que se pretende redefinir Navantia. Un plan que cualificaron de “Axuste” e que reduciría a 1.300-1.500 traballadores/as o persoal en todo o Estado.

En todo caso, explicaron que descoñecen os pormenores dese plan, porque por máis que o demandaron non lles foi remitido nin explicado e expresaron o seu temor de que teña como obxectivo converter Navantia nunha empresa de síntese con subcontratación do persoal.

Para a CIG-Industria, nun momento como este, de alta demanda de gaseiros a nivel mundial e de saturación da capacidade produtiva dos estaleiros chineses e coreanos Navantia tiña que apostar por conseguir contratos para a súa construción, o que si permitiría garantir carga de traballo, emprego e futuro os estaleiros de Fene e Ferrol.

Os representantes da federación de Industria entregaron aos deputados nacionalistas un documento no que sintetizan as súas demanda que pasan por garantir a titularidade pública de todos os centros de traballo de Navantia da ría de Ferrol; impulsar un Complexo Integral que abranga todos os ámbitos da construción naval (civil, militar, reparacións, fabricación de bens de equipo, potenciación de turbinas, OFF-Shore, eólica mariña e resto de enerxías renovábeis…) e que este sector sexa defendido como estratéxico en Galiza.

Lei do Sector Naval

Xunto a isto a CIG-Industria considera imprescindíbel que se dea cumprimento á Lei do Sector Naval de Galiza aprobada polo Parlamento galego coa participación da Xunta de Galiza no Consello de Administración de Navantia; un reparto non discriminatorio na carga de traballo do grupo, que teña en conta as capacidades dos estaleiros da Ría unha vez rematado o veto, así como o contexto de desemprego existente nos concellos da comarca e que se dote inmediatamente de carga de  traballo os estaleiros da ría, garantindo a plena rendibilidade das instalacións.

A este respecto subliñaron que a carga de traballo non é equitativa entre os distintos estaleiros xa que se van construír todos no Sur e no Norte só partes. “Só así se faría efectivo o levantamento do veto e a volta á construción civil, ao ver construído un petroleiro completo nas gradas da antiga Astano”, concluíu Bouzas.

Volver