Loita nas auxiliares do naval: "Esta folga é lexítima e a reivindicación do persoal xusta e necesaria"

A CIG chama a toda a comarca a apoiar a manifestación convocada para este xoves, ás 19 horas
Ferrol - 16 Out 2017

O día que se cumpre a 12 xornada de folga nas auxiliares do naval de Ferrol, a CIG-Industria saíu ao paso das afirmacións lanzadas nos últimos días tanto polas empresas do sector como pola propia Navantia. Nunha rolda de prensa que contou coa presenza de centos de traballadores/as, Ramón Alfonzo aseveraba alto e claro "a folga é lexítima, a reivindicación é xusta e é necesario, ademais, estabelecer ese marco para evitar a competencia desleal a conta de tirar os salarios á baixa".

Negou que se estea a demandar incrementos do 30%, como afirman as empresas, senón que se pide recuperar o nivel retributivo que se pactara nos acordos de 2001 e consolidalo. "Estamos a falar de subas entre o 15 e o 4% para  as categorías oficiais 2ª e especialistas. Na categoría de oficias 1ª de aceiros, que teñen as diferenzas máis grandes entre o convenio provincial e as táboas, xa cobran por riba de convenio".

Alfonzo resaltou que os efectos inmediatos deses acordos do ano 2001, acadados logo dunha folga de 20 días, foron varios: rematar coas negociacións individuais do salario;  evitar a competencia entre empresas a conta de reducir salarios, así como fixar un marco salarial determinado que facilitaba a previsión de custes. Ademais, evitaron que durante moitos anos os salarios foran motivo de conflitos nos estaleiros.

Sobre a competencia desleal, o sindicalista lembrou que o persoal ten moi presente o caso de Ferrovial que, recentemente, gañou o concurso de mantemento de Navantia presentando unha oferta á baixa que despois trasladou os salarios. "Na medida en que as expectativas de carga de traballo e a contratación foron mellorando, non lle pode causar sorpresa a ninguén que os traballadores/as queiran recuperar o nivel retributivo dos acordos. Porque do que estamos a falar é de recuperar dereitos", insistiu.

Por iso, salienta, argumentar que o incremento é imposíbel, sen achegar máis explicacións, "non é crible". "Primeiro, porque hai empresas que pagan polas táboas; e segundo, porque outras (as que máis problemas poñen), poderían mellorar moito a produtividade simplemente racionalizando horarios. Todo o mundo sabe que as horas extraordinarias por sistema non son produtivas".

Intentos de criminalizar a folga

A CIG-Industria afeou tamén a postura mantida por Navantia ao longo deste conflito, xa que a súa reacción limitouse a tentar criminalizar a folga e ameazar con denunciar a quen actúa en representación do persoal. "Non nos imos amedrentar por esas ameazas que forman parte do guión", advertiu, sinalando á responsabilidade de Navantia na resolución do conflito, como contratista e como empresa motor da comarca e de propiedade pública.

Xuntanza esta tarde

Na súa intervención, Alfonzo informou que esta mesma tarde está prevista unha xuntanza na Coruña entre todas as partes, convocada polo Consello Galego de Relacións Laborais, no marco da mediación instada pola CIG.

Ramón Alfonzo puntualizou que "se a situación está enquistada non é culpa nosa. A CIG é a única que, en representacións dos traballadores/as, puxo unha proposta enriba da mesa".

Neste senso, criticou que as contratas "están sendo absolutamente irresponsábeis, enrocándose nunha posición, negándolle lexitimación á folga, negando á CIG a posibilidade de sentar na mesa de negociación, e non presentando ningunha proposta de maneira formal. Se alguén quere solucionar o conflito, o primeiro que terá que facer é sentar á mesa con propostas e falar".

Manifestación o xoves 19

O vindeiro xoves, día 19, está convocada unha manifestación que sairá da porta principal de Navantia ás 19:00 horas, na que a CIG anima a participar a toda a cidadanía da comarca. "É fundamental apoiar a un colectivo que está pelexando polas súas condicións laborais, polas condicións de compañeiros/as que están en empresas que non respectan os acordos e polos traballadores/as que hoxe están na casa esperando incorporarse a un posto dentro do sector naval".

Tras da rolda de prensa na porta do Esteiro, os traballadores saíron en manifestación improvisada até o Concello de Ferrol, onde pediron colocar unha faixa reivindicativa en defensa dos acordos de 2001.