CIG-Industria reúnese co director de Navantia Ferrol para coñecer o contido do proxecto "Estaleiro 4.0"

Ante a preocupación polo futuro dunhas instalacións fundamentais para a comarca e o país

Ferrol -

Representantes da Federación de Industria da CIG reuníronse este venres co director de Navantia na ría de Ferrol, Julio Martín, para coñecer de primeira man en que consiste o proxecto "Estaleiro 4.0" e que impacto terá na actividade e o futuro dunhas instalacións que son o motor económico dunha comarca especialmente deprimida.

Na xuntanza, que se prolongou durante tres horas, participaron o Secretario Nacional da Federación de Industria da CIG, Xoán Xosé Bouzas, o responsábel do sector naval da central sindical, Emilio Cagiao, o Secretario Comarcal da CIG de Ferrol, Manel Grandal e o Secretario Comarcal de Industria, Vicente Vidal.

A preocupación polo que poida pasar nunhas instalacións fundamentais non só para a comarca de Ferrol senón para o conxunto de Galiza, dado carácter estratéxico do sector naval, e o descoñecemento do contido do mencionado proxecto motivou que dende a CIG -primeira forza sindical na comarca- se solicitara esta reunión.

A este respecto, apuntan que, segundo as explicacións ofrecidas polo director do estaleiro, o proxecto contempla a modernización e centralización de todos os servizos, levándoos a unha localización territorial distinta da actual, xunto coa construción dun dique cuberto. O modelo de empresa que busca Navantia para Ferrol resultaría similar ao das dúas grandes empresas europeas líderes no mercado naval internacional.

A  Federación de Industria valora de xeito positivo o encontro, no sentido "de que agora xa temos información de cal é o proxecto de Navantia, como serán as instalacións de Ferrol e poderemos facer unha análise a fondo das súas repercusións para a comarca".

Volver