A folga do metal na provincia da Coruña acada un seguimento masivo

Logo de 25 anos, o sector saíu á rúa coincidindo coa 1ª xornada de paro por un convenio digno

Nacional -

A CIG fai unha valoración moi positiva do seguimento desta primeira xornada de folga convocada nos centros de traballo rexidos polo convenio de siderometal, que regula as condicións laborais duns 18.000 traballadores/as en toda a provincia. Uns paros que se repetirán os días 27 de xuño, 4 e 5 de xullo por mor do fracaso da mediación solicitada pola patronal, nunha manobra a través da que pretendía dilatar sen fin a negociación do novo convenio colectivo e neutralizar a capacidade de mobilización.

O secretario nacional da CIG-Industria, Xoan Xosé Bouzas, que formou parte do piquete que percorreu desde as sete da mañá as rúas do Polígono do Tambre, en Compostela, asegurou que “nas empresas nas que houbo quenda de noite e nas quendas da mañá houbo un paro practicamente xeneralizado”.

Por iso valorou como “un éxito” o seguimento, que nos polígonos e empresas con representación sindical foi de practicamente o 100%, ao igual que na grande empresa de maquinaria pesada, taller e reparación. “Nas empresas nas que non hai representación sindical o seguimento foi máis desigual e naquelas nas que os empresarios vulneraron o dereito á folga ameazando con medidas represivas foi a propia patronal a que non permitiu aos traballadores exercer o seu dereito a parar”. En todo caso, concluíu que tivo “un seguimento masivo”.

Sinalou que esta “é a resposta que os traballadores están a dar á intransixencia da patronal que leva dous anos impedindo que se chegue a un acordo”. Para Bouzas hai puntos que son irrenunciábeis, como a revisión e o incremento salarial, “para que as traballadoras e os traballadores non perdan poder adquisitivo” e a subrogación, para que teñan garantido que se unha contrata deixa de traballar nun servizo pasen á nova contrata, porque “non poden quedar sen posto de traballo”.

Xunto a estes aspectos sinalou que o convenio ten que contemplar todo o relacionado con desprazamentos, dietas e traslados. “Se a patronal non se avén a negociar estes puntos a folga continuará nos próximos días”.

Seguimento en Compostela

O secretario comarcal da CIG-Industria de Compostela, Benedicto Blanco, tamén valorou moi positivamente a folga en Compostela. Ás seis da mañá xa había un piquete en Castrosua, onde parou o 100%, ao igual que as empresas do polígono do Tambre, onde non hai ningunha funcionando.

Con todo, en varias empresas as traballadoras e traballadores estaban agardando pola chegada do piquete para ter unha xustificación para unirse á folga sen sufrir as represalias dos empresarios. Noutras, como Cortizo, de Padrón, os propios traballadores contactaron coa CIG para avisar das ameazas ás que os estaban sometendo, tanto ao persoal fixo, ao que se lle comunicou que de ir á folga terían que recuperar as horas traballando os próximos sábados gratis, como ao contratado a través de ETTs. “Dixéronlles que se ían á folga pasaran a recoller o finiquito ao día seguinte”, explicou Blanco.

O secretario comarcal da CIG-Industria engadiu que en STAC, empresa afincada no Polígono de Picusa (A Matanza), obrigaron a traballar aos empregados/as baixo ameaza de despedimento. “Vainos pechar nas instalacións da empresa os días nos que está convocada folga”, denunciou Blanco, quen considerou que “estas actitudes son propias dunha patronal intransixente, que non ten problema algún en vulnerar o dereito fundamental á folga con ameazas, presións e adoptando represalias”.

Diante disto, Blanco fixo un chamamento aos traballadores e traballadoras afectadas polo convenio do Metal de Compostela e comarca a non deixarse amedrentar para “loitarmos xuntos por unhas condicións de traballo dignas. Se achantamos agora coas súas ameazas, logo van facer con nós o que queiran e non o podemos permitir”.

Seguimento na Coruña

De "rotundo éxito" tamén foi cualificado o seguimento da folga do metal na comarca da Coruña, onde os traballadores/as levaron as súas reivindicacións cunha numerosa concentración ás portas da sede da patronal. Como se agardaba, a incidencia do paro é practicamente total nas empresa con maior volume de traballadores/as e produción. Así é o caso da siderúrxica da Laracha, Celsa Atlantic (onde case o 100% do persoal está en folga), ou as emblemáticas empresas do metal, Horta Coslada e Metalúrgica Gallega. Xunto a estas, a totalidade do cadro de persoal de EMESA en Coirós secunda o paro.

A folga tamén está rexistrando unha alta porcentaxe de seguimento nas principais contratas de telecomunicacións e enerxía que operan na Coruña. Así é o caso de Liteyca, Semi ou Comfica (empresas que fan o mantemento e instalación de liñas para multinacionais como Movistar, R ou Vodafone) ou Elecnor (que, entre outros servizos, leva unha parte importante do mantemento das liñas eléctricas de Gas Natural Fenosa). Como tamén era de prever, o seguimento resulta desigual nos centros de traballo onde non hai representación sindical,  aínda que en liñas xerais, a incidencia da folga está sendo moi elevada.

Para o  Secretario da CIG-Industria na Coruña, Eduardo Caamaño, o éxito desta primeira convocatoria de folga "é unha mostra da firme disposición das traballadoras e dos traballadores do metal a loitar por conseguir un convenio que dignifique as súas condicións laborais e salariais". "O persoal está farto de agardar, de perder poder adquisitivo e dereitos. A patronal ten que tomar nota da resposta á folga, dar un paso adiante e abandonar as súas mesquiñas posicións; non pode seguir dilatado sen fin esta negociación", aseverou. 

Neste senso, subliñou que estamos nunha xornada "histórica" por canto hai 25 anos que non se convocaba folga polo convenio de siderometal na provincia da Coruña.

Seguimento en Ferrol

Na comarca de Ferrolterra, a CIG-Industria valoraba a folga de hoxe como "altamente positiva", á vista da multitudinaria manifestación que percorreu ás rúas de Ferrol baixo a consigna "convenio do metal, solución". Unha marcha á que se sumaron os traballadores e traballadoras de Navantia. Mais a valoración positiva vén tamén por canto as empresas auxiliares do naval (Windar, Nervión, Tubacer, Acciona, Ferrovial, Elinco, Indasa, Soamar, Gabadi, Electro Rayma, Siasa, Bulbo, Serfrimec, etc.) e as de enxeñería secundaron a folga ao 100%. Neste senso, non hai que esquecer que unha das reivindicacións para este convenio é incorporar os acordos asinados para as auxiliares do naval no propio articulado do convenio.

Nos polígonos da comarca o seguimento do paro "foi total, cando menos nas empresas con maior número de traballadores/as", pois, como no resto da provincia, naquelas empresas onde non hai representación sindical, o seguimento resultou dispar.

Vicente Vidal, secretario comarcal da Federación de Industria en Ferrol, destacaba a tranquilidade coas que os piquetes desenvolveron a súa actividade durante toda a xornada e atribuía esta ausencia de incidentes a que "o persoal parou porque está convencido de que o que hai en xogo é a recuperación dos seus dereitos".

"Esta primeira xornada de folga é un éxito, a mobilización vai seguir para adiante e a patronal ten que tomar notar desta resposta. Os traballadores e as traballadoras son conscientes de que agora é o momento de pelexar para recuperar os seus dereitos e lograr un convenio digno", aseverou.

Volver