A CIG promove unha Proposición de Lei para establecer o rexistro diario da xornada de traballo nas empresas

Remitirá o texto aos grupos do Congreso e do Parlamento de Galiza solicitando que a tramiten e apoien

Nacional -

A Executiva Confederal da CIG acordou, na súa xuntanza de hoxe, remitir a todos os grupos con representación no Parlamento de Galiza e no Congreso dos deputados, unha Proposición de Lei sobre o establecemento dun rexistro diario da xornada de traballo que permita acreditar a realización de horas extraordinarias en caso de discrepancias e garantir a axeitada cotización en materia de Seguridade Social.

A flexibilidade horaria que permite a actual lexislación laboral deu lugar a numerosos litixios nos que se cuestionou se as empresas están ou non obrigadas a levar un rexistro diario da xornada de traballo. Para a CIG esta é unha cuestión transcendente non só por afectar os medios de proba de que dispoñen os traballadores para acreditar a realización de horas extraordinarias en caso de discrepancias sobre a súa realización e abono, senón porque incide nas obrigas de cotización en materia de Seguridade Social, con importantes consecuencias tanto para os dereitos dos traballadores como para as arcas do sistema.

A Sala Cuarta do Tribunal Supremo resolveu definitivamente a cuestión mediante sentenzas de 23 de marzo e 20 de abril de 2017, nas que conclúe que o artigo 35.5 do Estatuto dos Traballadores, que é a norma legal de aplicación, non establece a obrigación de rexistrar diariamente a xornada ordinaria, senón só as horas extraordinarias no caso de que se produzan. Con todo, a propia Sala manifesta que sería conveniente unha reforma lexislativa que clarificase a obriga de levar un rexistro horario e facilitase ao traballador a proba da realización de horas extraordinarias.

A Proposición de Lei que promove a CIG cubriría esa necesidade de clarificación normativa e seguridade xurídica, modificando os artigos 34 e 35 do Estatuto dos Traballadores para establecer a obriga para todas as empresas de rexistrar diariamente a xornada dos seus traballadores, en termos similares á regulación actualmente existente para os traballadores móbiles no artigo 10 bis.5 do Real Decreto sobre xornadas especiais de traballo. Tamén se modificaría o artigo 7.5 da Lei sobre Infraccións e Sancións na Orde Social, a fin de establecer como unha infracción grave en materia de relacións laborais individuais e colectivas a falta de control ou incorrecto control do rexistro diario de xornada.

Con esta modificación legal preténdense evitar as prolongacións irregulares de xornada, que prexudican non só os intereses económicos e xurídicos dos traballadores e traballadoras e o seu dereito á conciliación da vida persoal e laboral, senón tamén a creación de emprego e consecuente diminución do desemprego.

Modificacións:

Artigo primeiro. Modificación do Real Decreto Lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores.

  1. Engádese un apartado 9 ao artigo 34 do Real Decreto Lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores, co seguinte contido:

«9. A empresa será responsable de levar un rexistro diario do tempo de traballo de cada traballador. Este rexistro conservarase, polo menos, durante tres anos despois de que finalice o período considerado. A empresa estará obrigada a facilitar aos traballadores que así o soliciten e á representación legal dos traballadores unha copia do rexistro das horas traballadas».

  1. Modifícase o apartado 5 do artigo 34 do Real Decreto Lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores, que queda redactado da seguinte maneira:

«5. A efectos do cómputo de horas extraordinarias, a xornada diaria de cada traballador rexistrarase conforme ao disposto no apartado 9 do artigo 34 e se totalizará no período fixado para o abono das retribucións, entregando copia do resumo ao traballador no recibo correspondente».

Artigo segundo. Modificación do Real Decreto Lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre Infraccións e Sancións na Orde Social.

Modifícase o apartado 5 do artigo 7 do Real Decreto Lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre Infraccións e Sancións na Orde Social, que queda redactado da seguinte maneira:

«5. A transgresión das normas e os límites legais ou pactados en materia de xornada e o seu rexistro, traballo nocturno, horas extraordinarias, horas complementarias, descansos, vacacións, permisos e, en xeral, o tempo de traballo a que se refiren os artigos 12, 23 e 34 a 38 do Estatuto dos Traballadores».

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa.

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido na presente Lei.

Disposición final primeira. Habilitación normativa.

Habilítase ao Goberno para ditar cantas disposicións regulamentarias sexan precisas para o desenvolvemento e execución do disposto na presente Lei.

Disposición final segunda. Entrada en vigor.

A presente Lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no «Boletín Oficial do Estado».

Volver