CIG-Saúde alerta que na provincia de Lugo están pechadas máis do 50% das camas de cirurxía

Demanda a apertura de todas as camas para atender as e os doentes desta especialidade
A Coruña - 21 Xul 2016
A CIG-Saúde de Lugo denuncia que en toda a provincia e nas súas tres áreas sanitarias quedan abertas só 49 camas da especialidade de cirurxía, ao estar unicamente operativas 15 no Hospital da Mariña e 34 en Lugo. No hospital de Monforte as camas desta especialidade “están todas pechadas”.

Para a CIG-Saúde, estase forzando o peche da unidade de cirurxía, independentemente da ocupación que rexistre a especialidade, “tal e como xa se fixo co peche do resto de unidades”. A este respecto, apuntan que o peche previsto para o 1 de xullo dunha das dúas áreas de cirurxía coas que conta o Hospital Lucus Augisti resulta inviábel debido a alta presión asistencial.

De feito, o mércores pola tarde unha das áreas permanecía chea e na outra había 21 doentes ingresados/as. Ademais, CIG-Saúde denuncia o bloqueo de camas “para evitar máis ingresos, mentres xa hai pacientes de cirurxía na planta de vascular”. Por iso, temen que a xestión de camas no hospital estea encamiñada todo o verán “a non abrir as que están pechadas aínda que fixeran falta, o que consideramos un despropósito”.

A Federación de Saúde cualifica de “gran falta de respecto á poboación” a política de peches do Sergas, que “usurpa máis do 50% das camas dunha especialidade  concreta”. Así mesmo, engaden que tamén supón “unha gran falta de respecto para as/os profesionais de enfermería, que unha vez máis volven ver como ninguén respecta a súa especialización e se ven desbordadas/os por causa da mestura de patoloxías, cando  non teñen todos os recursos necesarios para manter o nivel de atención habitual”.

“Cambian as Xerencias, cambian os Xerentes, mais o discurso e os feitos son os  mesmos, por moito que insistan no número de camas que hai abertas, non nos farán crer que é o mesmo que rompendo as cervicais ingreses en cirurxía, como tampouco é o mesmo que por unha vesícula urxente ingrese en trauma”, aseveran.