CIG-Saúde considera que a ACIS non aclara as cuestións “opacas” da convocatoria “Código Camiño”

Dirixirase ao Consello de Dirección de Sanidade para que explique como foi o proceso de selección
Nacional - 28 Mar 2017

A CIG-Saúde vén de recibir resposta a toda unha serie de cuestións referidas á convocatoria da Axencia Galega do Coñecemento (ACIS) “Código Camiño”. Unha información solicitada logo de recibir motivadas queixas de persoas que concorreron á mesma e denunciaron a opacidade dos criterios de selección deste proxecto financiado con fondos públicos. “A ACIS non aclara esas cuestións opacas, o que nos obriga a requirir de novo explicacións respecto de como se desenvolveu este proceso”.

En concreto, a CIG-Saúde demanda a identificación nominal das persoas que formaron parte do grupo de expertos do SERGAS para seleccionar aos candidatos e candidatas, os criterios de selección e unha copia das actas das reunións nas que se tomaron as decisións ao respecto.

Diante do escrito de resposta remitido pola ACIS, María Xosé Abuín, secretaria nacional da CIG-Saúde, manifesta a súa sorpresa no referido ao grupo de expertos que realizou a selección dos candidatos/as. “Está composto, non por persoal do SERGAS de recoñecido prestixio, senón polos directores de área da propia axencia, dos cales só un é médico especialista”.

Para Abuín isto “podería implicar unha certa falta de imparcialidade, xa que na traxectoria do SERGAS e da consellaría de Sanidade cando se fala de expertos refírese a profesionais do sistema e non a persoas con cargos de alta dirección”.

Segundo explica a secretaria nacional da CIG-Saúde, no que respecta aos criterios de selección, a ACIS responde relatando cales foron, pero sen entrar a explicar cal foi a avaliación dos mesmos e tampouco aclara as razóns polas que se acordou ampliar o prazo de presentación de propostas.

Canto á copia das actas, estas non se proporcionan e o único que se recolle na resposta remitida pola axencia é que se tratou nos grupos de traballo do Plan de Innovación Código 100 e que se presentou no Consello de Dirección da consellaría de Sanidade á cal a CIG-Saúde xa anuncia que se dirixirá para recibir toda a información requirida.