CIG-Saúde considera un “despropósito” a integración funcional da resonancia de Galaria no servizo de radioloxía do CHUVI

Denuncia que “Sanidade reinventa as súas fórmulas de xestión para manter os chiringuitos e acólitos con contratos de alta dirección”

Compostela -

A CIG-Saúde considera que a pretensión da consellaría de Sanidade de proceder á integración funcional da resonancia de Galaria no servizo de radioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) é “un despropósito”. Entende ademais que deste xeito, Sanidade “reiventa as súas fórmulas de xestión” co obxectivo de “manter estes chiringuitos” e “aos seus acólitos con contratos de alta dirección”·

María Xosé Abuín, secretaria nacional da CIG-Saúde, explica que en xuño de 2015, tras pasar pola Mesa Sectorial do SERGAS, publicouse o Decreto 88/2015, do 25 de xuño polo que se integra no Servizo Galego de Saúde determinadas unidades de Galaria, empresa pública de servizos sanitarios.

Esta integración faise en cumprimento da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas para a reordenación das entidades instrumentais na ámbito sanitario.

De acordo con esta reordenación procédese á integración de cirurxía cardíaca e cardioloxía intervencionista no CHUVI, así como o seu persoal, que pasa a prestar os seus servizos na estrutura organizativa de xestión integrada (EOXI) de Vigo.

Daquela a administración defendía a importancia desa integración funcional e orgánica baixo a mesma estrutura que o resto dos servizos cos cales manteñen unha interdependencia para a perfecta atención integral dos e das doentes, subliñando a importancia de que esta integración de recursos, no novo hospital de Vigo, estea baixo a mesma organización administrativa que o resto das unidades coas cales comparten asistencia.

O compromiso da administración, naquel intre, era que en base á propia normativa de área de xestión integrada todos os recursos asistencias da Área de Vigo integraríanse baixo a dirección desta EOXI. “Non logramos entender que ocorreu entre xuño e agora para que a integración da resonancia e do resto de servizos de radioloxía e medicina nuclear de Galaria non teñan o mesmo procedemento de integración na EOXI de Vigo que no seu día tivo cirurxía cardíaca e cardioloxía intervencionista”.

Para Abuín isto responde á “incoherencia desta administración, que defende no plano teórico a xestión integrada, a xestión clínica, mais cando teñen que tomar decisións de integración de recursos pesa máis seguir a manter os seus chiringuitos”.

A CIG-Saúde solicita da consellaría de Sanidade que realice o mesmo procedemento de integración para todos os servizos asistencias que hoxe dependen de Galaria na EOXI de Vigo regulados no decreto 88/2015 do 25 de xuño. “Que sentido ten manter nunha área sanitaria dúas estruturas directivas para xestionar o mesmo servizo?”, pregúntase María Xosé Abuín, quen afirma que “manter isto crea disfuncións no normal funcionamento dos servizos, e para solucionalo van crear unha comisión directiva de coordinación entre ambos”.

A CIG-Saúde exixe a disolución de Galaria e a integración de todos os servizos sanitarios no complexo hospitalario de referencia, máxime cando o propio Xerente do SERGAS recoñece que os equipamentos que utiliza Galaria son propiedade do SERGAS e as probas diagnosticas quen as fai é persoal estatutario. Galaria só é unha intermediaria que factura ao SERGAS por estes servizos.

Volver