CIG-Saúde cualifica de “nova tomadura de pelo” ao persoal da sanidade pública a xuntanza da Mesa Sectorial

A Consellaría négase a negociar un calendario de recuperación dos acordos suspendidos

Nacional -

A Federación de Saúde da CIG cualificou como “unha nova tomadura de pelo” a reunión extraordinaria da Mesa Sectorial que tivo lugar este mércores 2 de agosto, xa que na mesma a Consellaría negouse a abordar a negociación dun calendario de recuperación dos acordos salariais e laborais suspendidos. CIG-Saúde denuncia que as e os traballadores do SERGAS “están a ser a man de obra barata deste Goberno” e esixe da Xunta que os orzamentos para 2018 “sexan tamén os orzamentos da recuperación dos dereitos roubados ao persoal da sanidade pública”.

A Mesa Sectorial tivo lugar despois das numerosas solicitudes trasladadas polas organizacións con representación na mesma (CIG-Saúde, CCOO, CSIF, SATSE, SAE e UGT) ao longo do mes xullo, co obxectivo de negociar un calendario para recuperar os acordos retributivos suspendidos, e que teña o seu reflexo nos orzamentos da Xunta que o Goberno de Feijoo está a elaborar para o vindeiro ano. Diante da negativa da Consellaría, as organizacións sindicais xa adiantaron que iniciarán un calendario de mobilizacións en defensa dos dereitos dos traballadores e das traballadoras do sector.

Retribucións inferiores

A Secretaria Nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, lembra que o persoal do SERGAS percibe un complemento específico (destinado a retribuír  as condicións particulares dos postos de traballo pola súa especial dificultade técnica, dedicación, responsabilidade, perigosidade ou penosidade)  nunha contía  inferior á que cobran o resto de traballadoras/es públicos. Esta situación discriminatoria está recoñecida pola propia administración, “que, aínda así, se nega a equipar as nosas retribucións porque, segundo os seus argumentos, temos uns niveis superiores e porque, supostamente, xa temos carreira profesional”.

Dúas cuestións que, explica Abuín, non son certas. De feito, sinala, a carreira tamén está paralizada e, segundo os datos da CIG, “menos do 40% do persoal do SERGAS cobra algún grao de carreira”, pois o persoal fixo incorporado tras as OPEs 2006, 2008/09, 2012, 2013, 2014, 2015, e 2016 e o persoal interino e eventual non cobra a carreira profesional "e nin sequera todo o persoal fixo anterior ao ano 2006 ten o 3º ou 4º grao de carreira, pois moitas/os traballadoras/es só teñen 1º ou 2º grao”.

Xunto a isto, as/os traballadoras/es do SERGAS son as e os únicos empregados públicos aos que se lles esixe presentar o parte de Incapacidade Temporal desde o 1º día, polo que “os tres primeiros días dunha IT o noso salario sufre unha diminución do 50%. Esta medida non se lles aplica ao resto de empregados/as públicos”, sinala.

Recuperar os dereitos

“Segundo o Presidente da Xunta este é o segundo ano da recuperación económica, pero mentres nos orzamentos de 2016 o Goberno do PP incluíu un incremento salarial para altos cargos do 7.5% e do 7 %, o persoal da sanidade seguimos cos soldos conxelados. Non podemos consentir que nos sigan a rouban os nosos salarios e as nosas condicións laborais. Esiximos a negociación dun calendario de recuperación salarial e que os orzamentos de 2018 tamén sexan os orzamentos da recuperación do persoal do SERGAS”, asevera a Secretaria Nacional da CIG-Saúde.

A este respecto, salientou que persoal do SERGAS está á cola das retribución dos servizos de saúde do estado español e malia os recortes materiais e humanos aplicados polo PP nos últimos anos, as traballadores e os traballadores fixeron un enorme esforzo para garantir a máxima calidade na atención da sanidade pública.

Volver