CIG-Saúde de Compostela denuncia na Inspección a falta de protocolos e medidas de seguridade diante dos casos de Gripe A

Alerta de que hai 3 casos xa confirmados e outros 5 sospeitosos no servizo de Urxencias que, ademais, está saturado
Compostela - 10 Feb 2016
CIG-Saúde Compostela vén de denunciar ante Inspección que non se activaron os protocolos e medidas de seguridade que o hospital debe ter implantados no servizo de urxencias. Irregularidades que poñen en risco a saúde dos/as traballadores/as e demais usuarios. Asegura que a día de hoxe permanecen no servizo de Urxencias tres casos confirmados de gripe A e cinco sospeitosos e que, porén, non se activaron os protocolos de illamento e medidas de prevención de contaxio necesarias.

Entende que a Xerencia “ten que ser responsable e actuar para que a enfermidade non se expanda” e considera que esta situación evidencia o seu “desinterese, a pasividade e falta de axilidade por parte da xerencia” no servizo de Urxencias do Hospital Clínico de Santiago ante o elevado número de casos de gripe A que se están a atender neste servizo nestas últimas semanas.

Para a CIG-Saúde a Dirección debe procurar a “excelencia” nos procesos asistenciais que se realizan no servizo de urxencias, evitándolle tanto ao traballador/a como ao doente os riscos innecesarios e tentando reducir ao mínimo aqueles que son inevitábeis. Considera que “a seguridade ten que ser a principal prioridade”.

Denuncia que o servizo de urxencias xa está saturado habitualmente e que traballa “cun cadro de persoal que a Dirección recortou coa escusa da crise e con contratos non estábeis para poder adquirir máis práctica e desenvolver con habilidade a súas tarefas, deixando patente unha vez máis a falta de interese por parte da Dirección de prestar unha correcta atención a usuarios e usuarios e solucionar os reiterados problemas deste servizo”.