CIG-Saúde de Lugo denuncia que un aparello de TAC de radioterapia do HULA leva tres semanas averiado

Até seis doentes ao día ven atrasadas as súas probas e, polo tanto, tamén o seu tratamento
Lugo - 30 Nov 2017

A CIG-Saúde de Lugo tivo este mércores coñecemento de que un aparello de TAC de radioterapia leva sen funcionar tres semanas. Unha avaría que, segundo denuncia, ten como consecuencia que cada día uns seis doentes vexan demoradas as súas probas diagnósticas e, xa que logo, o seu tratamento.

A CIG-Saúde de Lugo considera que esta demora no seu arranxo “é inconcibíbel” xa que se trata dun aparello  de marca que conta con persoal técnico propio. Mai tamén considera incomprensíbel que a Xerencia diga públicamente que o TAC está arranxado desde este martes, cando onte mesmo seguía a avaría e os técnicos estaban na unidade.

Considera ademais que non é de recibo que non se lles facilitara aos/ás doentes unha alternativa para non ter que esperar 3 semanas ou máis para a marcaxe das lesións que teñen.

Por iso denuncia a “inoperatividade” tanto da Dirección Médica como da Xerencia e afirma que “é unha falta de respecto absoluta á poboación que se minta a respecto das opcións de tratamento dun colectivo de usuarias/os tan sensíbeis”.

A CIG-Saúde de Lugo indica ademais que o lóxico sería que “no caso de que unha Unidade do HULA fallara por calquera circunstancia era obriga da Xerencia facilitarlle ás persoas que puideran facer uso desa carteira de Servizos igualmente”. Porén, denuncia, “vemos que iso non se fai e a maiores méntese”.