CIG-Saúde defende o uso de máscaras para previr a transmisión do coronavirus

Considera que é a evidencia científica e o principio de precaución quen debe indicar o seu uso
Nacional - 03 Abr 2020

CIG-Saúde quere poñer de manifesto que, a estas alturas da evolución da pandemia de COVID-19, non debería haber dúbidas entre as e os profesionais sobre o uso de máscaras e outros EPIs no ámbito sanitario. Por iso fixo chegar ao conselleiro de Sanidade, Xerencia do SERGAS e responsable de Recursos Humanos un escrito demandando o material de prevención necesario para evitar posibles contaxios.

A CIG-Saúde defende que é a evidencia científica e o principio de precaución quen debe indicar o seu uso e asegura que “é responsabilidade da administración garantir a dispoñibilidade de máscaras e EPIs en función destas indicacións”. Unha cuestión que entende que a consellaría e o propio SERGAS tiveron tempo abondo para facer.

 Á vista do acontecido até hoxe, CIG-Saúde entende que:

As e os profesionais, de calquera categoría ou ámbito (do SERGAS ou de servizos externalizados ou privatizados), que traballen nun centro sanitario deben usar MÁSCARA CIRÚRXICA cando precisen achegarse a menos de 2 metros de outros compañeiros de traballo ou de calquera paciente, aínda que non presenten clínica de posible infección respiratoria aguda.

A Administración sanitaria ten a responsabilidade de pór máscaras cirúrxicas a disposición de todas as traballadoras e traballadores.

Demanda ademais do SERGAS que garanta a aplicación destas recomendacións mínimas, tanto con protocolos e formación axeitada como garantindo a dispoñibilidade de máscaras e outros EPIs.