CIG-Saúde demanda “Máis Atención Primaria”, con persoal e medios para garantir unha prestación sanitaria digna

Mobilizouse esta mañá en Compostela en defensa do primeiro chanzo de asistencia da sanidade pública
Nacional - 28 Xan 2023

Ao pé da catedral de Santiago, na Praza de Praterías, traballadores e traballadoras da sanidade pública reclamaron “Máis Atención Primaria” sumándose así á demanda de CIG-Saúde dun modelo, no primeiro chanzo de asistencia sanitaria, que conte con profesionais, medios e unha estrutura organizativa que planifique, xestione e a dote de recursos para garantir unha asistencia digna as e os doentes.

Ao remate da concentración o secretario nacional de CIG-Saúde, Manuel González Moreira, denunciou que o modelo de xestión integrada ou de áreas sanitarias que se desenvolveu nos últimos anos anulou a capacidade de planificación e de xestión da Atención Primaria. Un grave erro que a fixo perder recursos e que denunciou que “formou parte dunha estratexia para debilitar a atención primaria cuxas consecuencias estamos pagando agora”.

Moreira reclamou a recuperación das Xerencias de Atención Primaria e a creación de equipos multidisciplinares para atender ás novas necesidades, como fisoterapeutas, psicoloxía clínica ou terapia ocupacional. Profesionais que considerou que poderían axudar a resolver problemas sen sobrecargar as consultas de medicina de familia ou de enfermería e acurtar as esperas para conseguir unha cita.

Medicina de Familia

O secretario nacional de CIG-Saúde rexeitou a proposta do SERGAS de que as e os profesionais de medicina de familia traballen tanto en PAC, como facendo gardas porque iso supón unha aínda maior sobrecarga e impide a súa natural especialización. Salientou o plus de calidade que supuxeron os PAC para atender emerxencias cando os centros de saúde xa están fechados, sobre todo no ámbito rural e reclamou o seu mantemento, cos profesionais específicos necesarios, en función da demanda, e con equipos completos de medicina de familia e de enfermería.

Do mesmo xeito demandou pediatras nos centros de saúde e considerou que o feito de que non haxa profesionais para cubrir moitas das prazas non é un problema do modelo, senón da xestión dos últimos anos, por non se ter planificado as necesidades do sistema e previsto, en función diso, as e os profesionais precisos para cubrilas.

Non máis de 30 consultas por xornada de traballo

Nesta liña exixiu que se cuantifiquen as necesidades reais de profesionais partindo das carteiras de servizos desenvoltas polo Consello Técnico de Atención Primaria, e que, en función dos resultados se planifique a OPE necesaria para contar co persoal necesario para cubrir a demanda asistencial e evitar a sobrecarga.

A consecuencia desa planificación na especialidade de medicina de familia ten que ser, segundo Moreira, que as médicas/os non teñan máis de 30 consultas nunha xornada de traballo; que haxa equipos de medicina de familia e de enfermería 1:1 para traballar conxuntamente e que alí onde se desenvolvan programas e actividades especiais, ou onde as e os doentes teñan perfís crónicos ou unha alta idade media se creen máis prazas de enfermería porque a continuidade de coidados e a xestión de crónicos recae sobre todo nestas e nestes profesionais.