CIG-Saúde denuncia a falta de especialistas en dixestivo no Hospital de Monforte

Monforte - 06 Xul 2023

A sección sindical de CIG-Saúde no Hospital de Monforte denuncia a falta de especialista para cubrir as consultas de dixestivo, que nestes momentos está realizando un internistas que tamén fai as peonadas. A situación que se xera resulta tan surrealista que cando os e as pacientes son vistas por un internista na consulta, en ocasións son derivadas á dixestivo para que facer o diagnóstico, pero unha vez alí son atendidas polo mesmo internista que as derivou.

"Cando un internista deriva a unha ou a un paciente a outra consulta entendemos que é porque precisa axuda dese especialista para realizar o seu diagnóstico", apunta Vicente Vázquez, delegado da CIG-Saúde. Cualifica de "lamentábel" o que está a suceder e reclámalle á dirección que contrate de inmediato a outra persoa especialista en dixestivo, xa que a titular está de baixa, ou cando menos que remitan a alguén de Lugo para pasar a consulta.

A CIG-Saúde advirte que con esta falta de profesionais se podería estar atrasando o diagnóstico ás persoas doentes "porque se un internista te deriva á consulta de dixestivo e alí te volve a ver o mesmo internista, supoñemos que este o terá que derivar de novo á consulta de dixestivo co que se dilata no tempo dito diagnóstico co que iso pode supor para a saúde da persoa".

Neste senso, lembran que neste intre o Hospital está sen os dous dixestólogos, sen os dous rehabilitadores, sen unha pediatra e sen unha psiquiatra "con todo o que isto supón para a poboación monfortina, a pesar de que antes das eleccións municipais o SERGAS anunciara a por todo o alto que ían vir 21 especialistas".

A maiores desto, vénse de coñecer que as dúas hematólogas están de baixa e a partir de agora só se van cubrir estas prazas dous días por semana.