Feijóo e os altos cargos incrementan os salarios mentres conxelan os do persoal da sanidade pública

“Se hai recuperación debe ser na mesma porcentaxe para todos/as, non só para o goberno”

Nacional -

A CIG-Saúde vén de lanzar unha campaña en denuncia do incremento, nun 7,5%, do salario do Presidente da Xunta e dun 7% nas retribucións de altos cargos, mentres se mantén conxelado o salario do persoal da sanidade pública galega. Fronte a isto lembra que o “diñeiro público é de todos/as” e reclama que “se hai recuperación salarial, debe ser na mesma porcentaxe para todos, non só para os membros do goberno do PP e para Feijoo”.

A CIG-Saúde lembra que a orde de confeccións de nóminas para o ano 2010, se estableceu unha redución do 3% dos salarios de altos cargos e sinala que agora, con este incremento do 7%, “devólvense o reducido máis un 4% de incremento”.

Fronte a isto, denuncia que as traballadoras e traballadores da sanidade pública levan recortados os seus salarios en máis dun 30% e que a devolución prevista para o ano 2017 é do 0%. “No ano 2010 conxelaron as pagas extras, a carreira profesional, o acordo retributivo 2008/12, os acordos retributivos de PACs, e no ano 2017 van seguir conxelados”.

Por iso reclama que se recuperen os salarios das traballadoras e traballadores da sanidade pública, cando menos, na mesma porcentaxe que se aplica para o Presidente da Xunta e máis para os altos cargos.

Volver