O PP eméndase a si mesmo para consolidar a precariedade no Sergas

En lugar de garantir postos para as/os profesionais que emigran por falta de condicións dignas
Nacional - 16 Feb 2018

A CIG-Saúde denuncia que a única emenda referida ao persoal do SERGAS que presentou o propio PP ao Proxecto de Lei polo que se modifica a Lei de Saúde sexa coa intención de permitir a entrada no sistema público de médicos e médicas alleos ao espazo europeo. A secretaria nacional, María Xosé Abuín, matiza que “non cuestionamos a súa formación, nin a súa competencia profesional. O que si advertimos é que o PP, deste xeito, en lugar de garantir condicións dignas para as/os médicas/os do Sergas, independentemente da súa nacionalidade, pretende contar cunha bolsa de profesionais como man de obra barata no sistema sanitario”.

Na actualidade, para traballar no Sergas, como así se recolle nas convocatorias das Ofertas Públicas de Emprego, é requisito de acceso ser do Estado español ou de calquera dos estados membros da UE. Isto debería implicar garantir para eses/as profesionais unhas condicións laborais acordes co posto e a titulación requirida.

Porén, o Sergas mantén en condicións precarias ao seu persoal, o que está provocando a súa emigración masiva. Fronte a isto, a CIG-Saúde leva anos denunciando que se remate con esa precariedade, que se traduce en contratos por horas, días, meses, sen recoñecemento da carreira profesional… e exixindo a cobertura das prazas vacantes con contratos de interinidade, que despois se poden converter en postos estábeis xa que as prazas cubertas deste xeito son as que se convocan na oposición.

Neste sentido, María Xosé Abuín lembra que recentemente “reiteramos mediante un escrito dirixido ao conselleiro de Sanidade e á Directora de Recursos Humanos do SERGAS a creación dunha Comisión Técnica para analizar as necesidades de persoal do sistema sanitario galego, porque entendemos que se debería actuar, entre outras cuestións, consolidando emprego estábel e ampliando as prazas MIR en base ás necesidades que o devandito estudo concluíra”.

Lonxe de facer isto, o PP opta por emendarse a si mesmo e introducir unha outra modificación na Lei de Saúde eximindo do requisito de nacionalidade “por razóns de interese xeral e necesidades obxectivas”.

A CIG-Saúde entende que con esta matización o PP “está recoñecendo que o persoal actual do sistema sanitario público é insuficiente e que é necesario abordar esta situación”, di Abuín, quen engade que “desde a CIG-Saúde defendemos o dereito ao traballo de todas as persoas, independentemente de onde nazan, mais queremos denunciar a hipocrisía do PP porque non busca persoal en condicións dignas, senón institucionalizar esas formas de contratación precarias pensando que o persoal que vén de fóra da UE está máis en disposición de aceptalas. Un abuso en toda regra”.