CIG-Saúde denuncia que se mantén o recorte de horarios no servizo de helicópteros de emerxencias

Considera que a Xunta debe garantir a máxima dispoñibilidade de todos os medios posíbeis para atender as urxencias
Compostela - 04 Mar 2016
O vindeiro día 18 de marzo comezará de novo o recorte horario dos helicópteros do 061, porque a partir dese dia, as horas de luz pasan de 12, que son ás que teñen cinxida a súa operatividade. A CIG-Saúde denuncia, máis unha vez, que isto está a limitar a súa dispoñibilidade para atender urxencias e demanda que se garantan todos os medios ao alcance para estes casos, no canto de despilfarrar os cartos en edificios como o da nova sede do propio 061 e do 112, na Estrada.

A CIG-Saúde subliña que os custos de garantir a operatividade dos helicópteros do 061 todas as horas de día serían ridículos, o soldo dun piloto e dun copiloto. Mentres que é inxente o gasto que supuxo a construción do edificio da Estrada e o que ocasionará o traslado dos operativos e do propio persoal do 061 e do 112 a esa nova sede.

Lembra que o servizo ten máis de 25 anos e denuncia que foi cando se traspasou ao 061 cando se reduciu o horario operativo, xa que até ese momento estaba dispoñíbel de orto a ocaso, isto é, todas as horas de luz.

A CIG-Saúde salienta ademais que as comunidades autónomas que usan o sistema das 12 horas, que logo implantou en Galiza o 061, teñen cando menos 3 helicópteros, así que os que quedan operativos cobren o que pecha. Neste sentido, aseguran que se aquí se puxera o terceiro do que tantas veces se falou, na zona de Lugo (pensouse en Vilalba), podería ser factíbel ese horario deslizante, “pero con un en Santiago e outro en Ourense que ninguén diga que a costa da Morte está cuberta despois de que pecha Santiago”.

A CIG-Saúde chama tamén a atención sobre o feito de que estes horarios afectan principalmente ao período estival, cando hai máis afluencia ás praias e cando o tráfico desde a costa cara o interior é máis intenso. “Cremos que non contar con ese medio é unha vergonza”, din.

CIG-Saúde denuncia que o recorte de horarios no servizo de helicópteros do 061 limita a súa operatividade para atender urxencias

A Xunta aplica outro recorte na asistencia sanitaria ao limitar a 12 horas a operatividade dos helicópteros do 061

Comeza a operar o novo servizo de helicópteros do 061 recortado en medios e horas pero máis caro

Sanidade saca a concurso o servizo de helicópteros de urxencias cunha prestación de 394 horas menos ao ano cada un

Persoal do 112 e 061 denuncia que o traslado destes servizos de Compostela á Estrada é unha decisión política e non técnica