Campaña 'Operación sanidade pública' en defensa do sistema público e o persoal sanitario

A Coruña - 22 Mar 2023

A CIG-Saúde da Coruña vén de lanzar a campaña 'Operación Sanidade Pública' en defensa do sistema sanitario público e para pór en valor a todas as persoas que fan posíbel mantelo con vida. Como punto de inicio, a federación convocou a un grupo de profesionais das distintas categorías laborais na Coruña para crear un gran collage de 50 m2 sobre unha figura simbólica que representa a sanidade pública.

Sobre esta figura debuxada nunha lona, o persoal sanitario foi colocando por fases elementos que conforman o corazón, a tibia e o cerebro, ao tempo que se gravaba en vídeo a acción, da que se publicará un audivisual. "A finalidade desta acción, explica a secretaria da CIG-Saúde da Coruña, María Formoso, é a reconstrución da sanidade pública" en estado crítico tras anos de políticas de recortes e desmantelamento por parte do Goberno do PP na Xunta de Galiza. De aí que denominaran ao acto "Operación sanidade pública".

Deterioro e desmantelamento da sanidade pública

A acción concluíu coa lectura dun manifesto no que se denunciou a perda de calidade asistencial e a precarización das condicións laborais no SERGAS. "É lamentábel ver o deterioro da sanidade pública nesta última década e como, a causa da pandemia, dos recortes, dos altos cupos de doentes, etc. cada día se agrava aínda máis. Todas e todos os profesionais que traballan nela séntense impotentes, porque sós non poden salvar a sanidade pública".

Alertouse da situación crítica que sofre a Atención Primaria, mentres que os hospitais "están ao límite". "Ausencias sen cubrir, horas extras sen remunerar, festivos e nocturnidades sen ser tidas en conta, tempos imposíbeis para dar una atención de calidade, a invisibilidade, a rabia contida das persoas pacientes que, asustadas e enfadadas, arremeten contra os e as profesionais que xa non poden máis", foron algunhas das situacións denunciadas.

Fronte a isto, a CIG-Saúde reclámalle ao Goberno galego que respecte o persoal sanitario, ofreza unhas condicións de traballo adecuadas e dote a sanidade pública cos recursos necesarios "para manter un sistema imprescindíbel para unha sociedade democrática que poida dar servizo de calidade a todas as persoas, sen deixar a ninguén atrás".

Neste senso, cualificaron de "vergoña sen precedentes" o desmantelamento que está a facer o PP da sanidade pública, advertindo que a CIG "vai estar sempre co sistema sanitario público, esixindo respecto e condicións de traballo adecuadas de todos e todas os profesionais que lle dan vida, e defendendo os dereitos de todas as persoas vulnerábeis fronte aos intentos privatizadores do proxecto máis comunitario que temos, esta xoia, a nosa sanidade pública".