CIG-Saúde, UGT e CCOO convocan mobilizacións para tentar desbloquear a negociación do Convenio da Sanidade Privada da Coruña

A primeira protesta terá lugar o mércores 21 de setembro, cunha concentración ás 12 horas diante da Rosaleda de Santiago

A Coruña -

Logo de que non se producise ningún avance na última reunión coa patronal pola negociación do convenio colectivo da sanidade privada da provincia da Coruña, as centrais sindicais CIG, UGT e CCOO veñen de anunciar o inicio de mobilizacións. A primeira protesta terá lugar este mércores día 21, cunha concentración diante da clínica Rosaleda en Santiago de Compostela.

Esta primeira mobilización terá continuidade os días 3 e 17 de outubro. Nestas datas están convocadas protestas, tamén ás 12 horas, no Hospital Modelo da Coruña e no Juan Cardona de Ferrol, respectivamente.

A representación sindical de CIG-Saúde, UGT e CCOO subliña que acudiu á reunión coa patronal, no seo da Plataforma negociadora do convenio, o pasado martes 13 de setembro, “co mesmo espírito de diálogo que en todas as reunións previas, mais a patronal rompeu as mínimas expectativas que tiñamos postas nela”.

O convenio, que afecta a todos os traballadores e traballadoras do sector da sanidade privada da provincia da Coruña, estase a negociar dende primeiros de ano, pero, a pesares de que a parte sindical foi modificando a súa proposta inicial “en aras de conseguir avances e acordos, en ningún momento observamos esta mesma disposición por parte da patronal”, denuncian.

Pola contra, a parte empresarial descartou dende o inicio calquera modificación e/ou mellora das condicións laborais reguladas polo convenio, só ofertando un incremento salarial miserento do 0.625%. “Iso si, demandaba unha vixencia do convenio de tres anos, hipotecando deste xeito as condicións laborais do persoal durante este tempo”.

Diante desta situación, as organizacións sindicais veñen de convocar un calendario de mobilizacións, co obxectivo de desbloquear as negociacións.

Volver