CIG-Servizos denuncia o abandono dos complexos deportivos de Elviña, Agra e A Sardiñeira e urxe investimentos

A Coruña - 17 Xan 2024

A CIG-Servizos da Coruña denuncia o preocupante estado de abandono no que se atopan as instalacións dos complexos deportivos de Elviña, Agra e A Sardiñeira, propiedade da Fundación Deporte Galego, e xestionadas na actualidade pola empresa Desafíos Deportivos Forus.

Hai mais dun ano (19 outubro 2022) e con grandes titulares na prensa, a Fundación Deporte Galego e a actual concesionaria anunciaron un investimento de máis de 5,5 millóns de euros na Coruña para reformar estes centros deportivos. Pero até o momento non se produciu nin un só movemento ao respecto, nin hai informacións de cando se acometerán esas obras, "nin nada de nada".

Rubén Duruelo, responsábel do sector na CIG-Servizos da Coruña, explica que a única actuación, de maneira independente, que comezará o 1 de marzo de 2024, segundo consta na plataforma pública de contratos da Xunta de Galiza (Cód. Exp.: 2024-OBRDP 02-PL), son as obras de reforma e adecuación da instalación de baixa tensión no complexo deportivo de Elviña.

Duruelo advirte que o estado no que se atopan as instalacións "é máis que preocupante e perigoso, non só para as persoas traballadoras que intentan desenvolver as súas profesións, senón tamén para as persoas usuarias". Lembra que estes complexos foron no seu día un referente para a cidade, mais na actualidade están a perder moitas das persoas aboadas polo estado deficiente das instalacións.

Por iso, a CIG quere denunciar publicamente ante a cidadanía a falta de acción tanto por parte da Xunta como por parte da empresa concesionaria á hora de poñerse "dunha vez por todas e con carácter de urxencia" a acometer a actualización das instalacións, que teñen unha vida de máis de 30 anos e cuxo deterioro pon en perigo a continuidade de máis de 60 postos de traballo directo e a práctica deportiva para as máis de seis mil persoas aboadas.