CIG-Telefónica inicia protestas en defensa do emprego e pola marxinación de Galiza nos plans de reestruturación interna

As mobilizacións desenvolveranse en centros da empresa das catro provincias e concluíran cunha concentración diante do Parlamento o día 9

A Coruña -

A sección sindical da CIG en Telefónica vai desenvolver unha campaña de mobilizacións para denunciar a progresiva perda de emprego e a marxinación de Galiza nos sucesivos plans de reestruturación da transnacional, agravando así a fenda tecnolóxica do noso país mentres beneficia outras áreas. A central calcula que existe un déficit de persoal de máis de 400 traballadores/as nos centros galegos. O calendario de protestas iniciarase este xoves na Coruña e concluirá o vindeiro día 9 cunha concentración diante do Parlamento galego.

A seguir reproducimos o comunicado da Sección Sindical nacional da CIG-Telefónica:

A Sección Sindical da CIG na Telefónica vén desenvolvendo unha intensa actividade sindical dentro da Empresa “Telefónica de España, S.A.U.”, “Operadora Dominante” en Galiza e no Estado Español -hoxe denominada “Operador con Poder Significativo no Mercado”.

O novo modelo de Relación Laboral é un novo modelo de distribución de persoal

Logo de destruír 55.000 empregos entre 1993 e 2013, en 2016 avanza decididamente o novo período no que a súa prioridade é a transformación radical do Contrato Colectivo de Emprego en Telefónica; a máis da redución de emprego (nova redución neta de 6.500 empregos no Plan de Adecuación de Persoal 2015-2017), a Empresa ven impoñendo novas condicións laborais e salariais, con medidas de flexibilización interna e externalización da produción do servizo de telecomunicacións, recollidas no Convenio de Empresas Vinculadas-CEV (Telefónica de España, S.A.U.; Telefónica Móviles, S.A.U. e Telefónica Soluciones-TSOL).

Esa nova política de xestión de recursos humanos inclúe a redistribución do cadro de persoal e unha nova organización do traballo que exclúe a Galiza do emprego de calidade e a produción de servizos avanzados de telecomunicacións. Unha afirmación fundada nas decisións tomadas e executadas sen interlocución sindical na Galiza, sen dar explicacións, pero que son moi explícitas da súa vontade e estratexia.

Empezou a acelerarse en 2011-13 coa aplicación do último E.R.E. que reduciu un 32 % do cadro de persoal na Galiza, pese a que o plan social comprometía a reposición do 7% das baixas, incumprido na Galiza con 0 % reposicións; seguiu nese mesmo ano 2011 coa liquidación do Territorio Galiza-Asturias, con capital en A Coruña e a implantación do “Territorio Norte”, trasladando a capital a Bilbo; en outono de 2012, degradase de categoría Pontevedra e A Coruña a Tipo III, como Ourense e Lugo, esta última xa con menos de 100 traballadores/as. Hai 4 tipoloxías internas, decisivas para a organización e a distribución do traballo, conforme ao número de empregos: provincias especiais –Madrid e Barcelona- e provincias Tipo I, II e III.

A novembro de 2015, as Empresas do Grupo Telefónica integradas no CEV (fixa e móbil) tiñan na Galiza 1.240 traballadores/as, aproximadamente, o 4.56 % do persoal no estado, 27.170. Porén, unha proporción adecuada ao peso da poboación da nosa nación no conxunto do Estado Español sería sobre o 7 %, 1.902, ou o que é o mesmo: nesa data xa arrastrabamos un déficit de persoal de 662 traballadores/as na Galiza. A situación empeorou, xa que en xuño de 2014 a nosa estimación era dun déficit de 472 traballadores/as.

Mesmo con criterios “a priori” desfavorábeis ao peso económico do noso país, o p.i.b., o cadro de persoal xa é deficitario hoxe, momento no que se intensifica o enterramento definitivo das expectativas de Emprego cualificado nas telecomunicacións na Galiza.

Concentración e centralización

Porque o certo é que a “Transformación” en curso leva a un modelo de xestión empresarial que inclúe a concentración e centralización do cadro de persoal nos dous pivotes “especiais” (Madrid e Barcelona) e nas outras tres capitais territoriais: Bilbo, Valencia e Sevilla. Será nestas cinco cidades onde se reúna cadro de persoal suficiente para constituír unidades capaces de acometer actividades complexas e organismos de dirección propiamente ditos, deixando polo resto das “provincias” do estado presenza testemuñal de persoal propio.

A proba do nove: o cadro de persoal de Telefónica Móbiles na Galiza era en novembro de 2015 de aproximadamente 70 persoas, sobre un total de 4.000 no Estado Español, o 1.5 % do total (¡!); como é público e notorio, todo o proceso de “transformación” da relación laboral e da organización interna da Empresa ten como obxectivo inmediato, a curto prazo, a “Converxencia” de servizos, cadros de persoal e empresas Fixo-Móvil.

Velaí o contido real do “mercado único”, promovido polo Sr. Alierta, presidente do Consello Empresarial da Competitividade: todos somos iguais, pero uns máis ca outros, uns pagamos as facturas de servizos xerados por outros, poñendo en marcha un sistema de extracción de rendas da periferia cara o centro propio de sistemas neocoloniais. A localización do emprego cualificado tamén é un potente mecanismo de redistribución de rendas.

Recentralización

Ao tempo, un sistema de xestión coa cabeza “decisora” situada noutros centros económicos conduce necesariamente a un descoñecemento da realidade económica e mesmo física do país, que devén inevitabelmente nunha redución da cantidade e da calidade do servizo. Ao pouco tempo, nun proceso historicamente coñecido no noso país, o que se presenta como causa, o falso motivo da “pobreza” do mercado local, acaba converténdose nun resultado moi real: terá como efecto ampliar o atraso económico e tecnolóxico. Coma noutras épocas; a comparación que fai o noso sindicato entre a denominación Territorio Norte da actual dirección e a de Territorio Noroeste propia do franquismo, non é unha brincadeira.

Recentralizar é devolver a nosa nación ao pasado, ao empobrecemento colectivo, a emigración dos/as máis capaces, para maior gloria das elites do Centro, das que a Telefónica son o seu máis conspicuo representante: marcan camiño ao resto.

Se na actualidade non hai ameza expresa de desprazamento forzoso do actual cadro de persoal, é clara a ameaza de excluír do emprego de calidade nas telecomunicacións na Galiza ás futuras xeracións: só lles quedará a emigración ou o emprego precarizado e degradado das subcontratas.

O papel das Administracións Públicas

Temos que denunciar a hipocrisía das administracións públicas, nomeadamente as galegas pero tamén as máis altas instancias do Estado, que contribúen con masivas subvencións á implantación de redes  e servizos para negocios privados, pero con cuantiosos fondos públicos, en atención á Lei Xeral de Telecomunicacións, 9/2014: “Disposición adicional decimo cuarta. Coordinación das axudas públicas á banda longa e ao desenvolvemento da economía e o emprego dixitais e novos servizos dixitais.”

Emprego, investimento e intervención pública no desenvolvemento económico, son tarefas e responsabilidades competencia do Goberno e do Parlamento Galego.

Por iso a nosa Sección Sindical, CIG-Telefónica, sigue e seguirá a loitar polo futuro do Emprego na Telefónica na Galiza, e por extensión, polo Emprego directo nos Operadores de Telecomunicacións na Galiza.

Concentración diante do Parlamento Galego

O vindeiro xoves 9 de xuño, as 11:00 horas levaremos a nosa reivindicación ao Parlamento Galego, cunha concentración de Delegados da Central Sindical as portas do Parlamento, ao tempo que chamaremos de novo a atención dos grupos parlamentares das perspectivas do emprego nas telecomunicacións na Galiza, as expectativas inmediatas e o necesario control dos cuantiosos recursos dos orzamentos públicos entregados a empresas privadas que desprezan o país, o seu idioma e o seu desenvolvemento económico e tecnolóxico.

CALENDARIO DE CONCENTRACIÓNS

  • A Coruña, Central Hércules, xoves día 2 de xuño ás 11:00 horas.
  • Pontevedra, Central Calvario (Vigo), venres día 3 de xuño ás 11:00 horas.
  • Lugo, Central San Roque, martes día 7 de Xuño ás 10:00 horas.
  • Ourense, Central Posío, martes día 7 de Xuño ás 13:00 horas.
  • Compostela, Parlamento Galego, xoves día 9 de xuño ás 11:00 horas.

Galiza, 01/06/2016

EXECUTIVA DA SECCIÓN SINDICAL NACIONAL DA CIG-TELEFÓNICA.

Volver