A CIG trasladaralle ao secretario de Estado de Seguridade Social as propostas sobre xubilación parcial e anticipada
A CIG reunirase este xoves, 16 de maio, co secretario de Estado de Seguridade Social e Pensións, Borja Suárez, para trasladarlle ás propostas da central nacionalista sobre a xubilación parcial e anticipada e os mecanismos para o recoñecemento dos coeficientes redutores. O encontro, previsto para ás 16:30h, foi instado pola CIG en reposta ao inicio das negociacións no marco do diálogo social dunha nova modificación do sistema público de pensións (15 meses despois da última reforma) e á falta de transparencia sobre os termos nos que se está a negociar.
Por isto mesmo, avanza o secretario xeral, Paulo Carril, na xuntanza tamén se reclamará do Goberno español respecto aos dereitos legais de participación e representación que teñen as centrais sindicais máis representativas e maioritarias, como a CIG; e que as negociacións se desenvolvan dentro dos organismos oficiais de representación institucional tripartita con claridade e transparencia.
Ao encontro en Madrid asistirán, ademais do secretario xeral, o secretario confederación de Negociación Colectivo, Francisco González Sío, e no mesmo exporanse as propostas da central nacionalista para garantir unha xubilación digna.
Unhas demandas que, nos temas concretos a reformar, pasan por tres eixos: restabelecer o dereito á xubilación parcial aos 61 anos para todas as persoas traballadoras e sectores, non só para a industria manufactureira; recuperar a xubilación aos 65 anos, e voluntaria a partir de ter 35 anos cotizados, reais ou por aplicación dos coeficientes redutores en determinadas profesións; e recoñecer e mellorar os procedementos para acceder aos coeficientes redutores para anticipar a xubilación sen recortes e con todos os dereitos.
Carril denuncia os permanentes cambios nas normas que penalizan a xubilación anticipada, agravando as discriminacións para acceder á xubilación parcial, xa que só determinados colectivos de persoas traballadoras poden xubilarse aos 61 anos, obrigando a prolongar a vida laboral de maneira inxusta e dificultando, ademais, a incorporación da xente nova ao mundo do traballo en condicións dignas.
A isto súmanse os atrancos permanentes para o recoñecemento de coeficientes redutores da idade de xubilación nas profesións de maior penosidade, perigosidade e insalubridade, con expedientes que se eternizan e non dan solución ás reivindicacións das traballadoras e traballadores. "Polo pouco que coñecemos, o mecanismo para o recoñecemento de novos coeficientes é parcial, chega tarde e resulta incompleto", apunta o secretario xeral.
Entre outras ocupacións que requiren solucións, refírese ao persoal que traballa no mar, no servizo de gardacostas, no transporte, na construción, na pedra, na construción de túneles, nas canteiras e talleres de transformación, nos coidados, na dependencia, no sector sanitario, no sociosanitario, nas ambulancias, bombeiros/as e axentes forestais, na limpeza hospitalaria e industrial, na seguridade privada, nas plantas de tratamento de lixo, no sector naval, eólico, no traballo en cadea etc.
Esta negociación opaca dáse ademais nun proceso intenso de recorte do sistema público de pensións que dende 2011 supuxo, entre outras cuestións, atrasar aos 67 anos a idade ordinaria de xubilación e ampliar aos 29 anos o período de cotización para o cálculo da pensión, acelerando a caída progresiva da contía, que vai camiño xa do 25%.