CIG, UGT e CCOO iniciarán mobilizacións se a patronal da sanidade privada obstaculiza a negociación do convenio

O convenio regula as condicións das traballadoras e traballadores do sector na provincia da Coruña

A Coruña -

Dende primeiros de ano estase a negociar o Convenio da Sanidade Privada da provincia da Coruña. Durante o proceso, explican dende CIG-Saúde, CCOO e UGT, a parte sindical foi modificando a súa proposta inicial, “facendo importantes concesións en aras de conseguir avances e acordos. Non obstante, en ningún momento observamos a mesma disposición por parte da patronal".

De feito, engaden, a patronal sentou a negociar un convenio colectivo, pero a súa proposta inicial “xa descartaba calquera modificación e/ou mellora das condicións laborais reguladas polo mesmo”. Só ofertaba “a esmola” dun incremento salarial dun 0,625% “e iso si, demandaba  unha vixencia do convenio de tres anos, hipotecando así as condicións laborais dos traballadores/as durante este tempo”.

A representación sindical de CIG-Saúde, UGT e CCOO acudirá a reunión coa patronal prevista para este martes “co mesmo espírito de diálogo” co que acudiu a  todas as reunións previas. “Pero despois de meses e meses sen que se producira ningún avance por parte da patronal, que mesmo obstaculizan a negociación, se nesta reunión continúa sen mover a súa proposta inicial, conducindo a situación a un punto insostíbel, as organizacións sindicais que forman parte da Mesa Negociadora teñen acordado realizar mobilizacións coa fin de impulsar este proceso negociador”, aseguran.

As organizacións sindicais consideran que a Consellería de Sanidade debería comprometerse neste proceso “instando a patronal a unha negociación real, posto que cando a Consellería concerta servizos sanitarios públicos cos centros sanitarios privados, tamén asume  as responsabilidades políticas que deriven das condicións laborais ás que se somete ao persoal destes centros”.

De non producírense avances, o calendario de mobilizacións acordado comezaría o próximo mércores, 21 de setembro.

Volver