CIG-Xustiza denuncia o mal estado de conservación dos xulgados de Corcubión

Pingueiras, roturas de tubaxes, humidades ou vibracións son parte das deficiencias

A Coruña -

O sector de Xustiza da CIG denuncia o estado deplorábel no que se atopa o edificio xudicial de Corcubión. As roturas de tubaxes son constantes e provocan fugas de auga en diferentes estancias, a máis recente no despacho do fiscal, acontecida a semana pasada e que deteriorou parte do mobiliario e especialmente o falso teito, que presenta varios furados e está inchado en determinadas zonas.

Outras dependencias do edificio tampouco se libran das fugas, engaden dende CIG-Xustiza da Coruña. No xulgado número 1, situado no primeiro andar, rexistráronse no teito da oficina e, hai un ano, no despacho da xuíza. “Porén, desde a Dirección Xeral de Xustiza da Xunta non se fai nada para remediar esta situación”.

Por outra banda, non son poucas as estancias que presentan focos importantes de humidade nas paredes. É o caso de varios puntos da oficina do xulgado número 1, da sala de vistas deste órgano ou do arquivo do edificio, situado no soto. As humidades, alén de provocar o desprendemento constante da pintura e de pór en risco o material informático e electrónico, constitúen unha ameaza para a saúde dos e das traballadoras.

A condución do aire condicionado tamén é deficiente. Non son infrecuentes as pingueiras por mor da condensación que produce o sistema de refrixeración do edificio. Nun cuarto anexo á oficina do xulgado número 1, onde se gardan parte dos expedientes e os libros de resolucións orixinais, houbo pingueiras a semana pasada. Meses atrás tamén apareceron na sala de vistas, na parte onde se sitúa o público. Amais, os condutos da calefacción provocan vibracións fortes que son perceptíbeis na oficina do xulgado número 2, situada no baixo.

“Desde a CIG reclamámoslle á Dirección Xeral de Xustiza da Xunta que acometa as reformas necesarias para eliminar todo foco de humidade, condensación e vibracións do edificio. Moito nos tememos que, de seguir a haber pingueiras e fugas, os falsos teitos acaben por se desprender e poidan danar algunha persoa”, advirten.

Para o sector de Xustiza resulta inconcibíbel que unhas instalacións que foron remodeladas integralmente no ano 2005 teñan, once anos despois, estas deficiencias tan severas. “Tampouco se explica como non se comunicou o soto co resto do edificio cun ascensor. Neste lugar é onde se almacenan expedientes e pezas de convicción (probas de xuízos penais), algunhas de grande tamaño”.

Escaseza de papel hixiénico

Tamén preocupa a escaseza que se produce ás veces de papel hixiénico, panos de papel para secar as mans ou de xabón de tocador, este último reposto nalgunha ocasión por traballadores/as do xulgado. “É lamentábel que haxa que esmolarlle á Xunta papel hixiénico e outros artigos básicos dun edificio público”,aseveran.

Volver