Cinco cousas que debes saber sobre o sionismo e a guerra contra Gaza

Marc Vandepitte - 11 Xan 2024

O apoio de facto ao horror en Gaza desenmascara a retórica sobre os dereitos humanos e a democracia. Non podería ser maior o contraste entre a maneira en que Occidente tratou a Rusia tras a invasión de Ucraína e o apoio que hoxe presta a Israel. A guerra contra Gaza está a acelerar as conflitivas relacións Norte-Sur. Occidente está cada vez máis illado e perdeu definitivamente credibilidade ante os países do Sur global

 O xenocidio que o exército israelí está a perpetrar hoxe en Gaza non é un descoido, senón o froito lóxico dun proxecto imperialista e colonial estabelecido a finais do século XIX: o sionismo. Para comprender acaídamente o que está a ocorrer hoxe en día é necesario examinar as orixes e as apostas desta ideoloxía e movemento xudeu.

  1. A cuestión xudía

 Os xudeus viviron espallados por todo o mundo desde tempos inmemoriais. Séculos antes da caída de Xerusalén (70 d.C.), uns 3,5 millóns de xudeus vivían na diáspora e só medio millón residía en Palestina(1).

 A situación das distintas comunidades xudías da diáspora era moi diversa. Algunhas eran prósperas e libres. Nalgunhas rexións os notábeis xudeus ocupaban mesmo postos de autoridade, noutras os xudeus vivían no máis baixo da escala social, estaban oprimidos e eran branco fácil do antisemitismo, especialmente nas rexións cristiás.

 A finais do século XIX o capitalismo atravesaba unha grave crise. Gran parte da poboación empobrecía. A clase dirixente necesitaba un chibo expiatorio para fomentar a unidade nacional e desviar a atención da crise, e naquel momento ese chibo expiatorio foron os xudeus. Houbo situacións de antisemitismo tanto en Europa Oriental como Occidental. A Rusia tsarista viuse sacudida por brutais pogromos en 1881 e en Francia produciuse o caso Dreyfus a finais do século XIX(2).

 Durante ese período formuláronse dúas respostas respecto desta onda antisemita. Para xudeus progresistas como Karl Marx e Moses Mendelsohn a batalla debíase librar sobre o terreo contra todo aquilo que fose reaccionario. Outros, como Theodor Herzl, fundador do sionismo, optaron pola fuxida e, segundo eles, os problemas dos xudeus só se poderían resolver nun Estado xudeu propio(3). De feito, iso foi o punto central do sionismo.

  1. Escaso apoio dentro do xudaísmo

 Nun principio consideráronse varios lugares para ese Estado xudeu propio, entre eles Uganda, Quenia, Arxentina e Palestina. Ao final elixiron Palestina, un país que tiña a vantaxe de que os mitos(4) do Tanaj(5) se podían utilizar para mobilizar os xudeus en todo o mundo. Ademais, como veremos máis adiante, este plan contaba co pleno apoio do imperialismo británico.

 O sionismo foi creado por un fato de intelectuais xudeus. Contou con moi pouco apoio nas súas primeiras etapas. Varios círculos xudeus opuxéronse ferozmente a esta nova ideoloxía. Tanto o movemento reformista como os xudeus ortodoxos e o movemento socialista(6) se opuxeron á idea dun Estado xudeu.

 No século XIX a burguesía xudía estaba na súa meirande parte ben integrada na sociedade burguesa e a economía capitalista, de xeito que os seus membros se centraron máis na asimilación que na segregación. A idea dun Estado xudeu propio parecíalles disparatada, totalmente incoherente cos seus intereses. Tampouco os obreiros xudeus, que estaban influídos pola Internacional Comunista, sentían demasiado entusiasmo polo sionismo(7).

 Foi sobre todo entre a pequena burguesía e, máis concretamente, entre intelectuais, onde xurdiu o sionismo e atopou seguidores. A crise do capitalismo golpeou duramente a clase media e había poucas perspectivas de futuro para ela dentro deste sistema.

 En resumo, nos seus primeiros anos o sionismo foi apoiado principalmente por intelectuais pequenoburgueses e era só un movemento minoritario dentro do xudaísmo. Antes da Primeira Guerra Mundial o movemento sionista non logrou converterse nun actor importante dentro do xudaísmo.

 A emigración a Palestina propugnada polos sionistas tampouco tivo demasiado éxito. Entre 1881 e 1925 case catro millóns de xudeus emigraron de Europa, pero só un 1% deles buscou refuxio en Palestina nese momento.

  1. Apoio imperialista e nazi

 Os sionistas tiñan pouco apoio dos sectores xudeus, mais si contaban con Gran Bretaña. A finais do século XIX o imperialismo está en pleno apoxeo(8) e un Estado xudeu en Palestina convén aos imperialistas británicos, por varias razóns.

 Os británicos querían controlar Oriente Próximo, de xeito que un Estado xudeu nesa rexión e baixo influencia británica podería ser moi útil neste sentido. Palestina tiña unha grande importancia estratéxica debido á súa proximidade á Canal de Suez (aberta desde 1869), que dá acceso á ruta máis curta cara a Asia. A partir de 1935 o petróleo desempeñou un papel igualmente importante: o fornecemento de petróleo de Iraq cara ao Mediterráneo tamén pasaba por este país(9).

 A finais do século XIX o Imperio otomán estaba en pleno devalo e había a posibilidade real de que se formase un Estado árabe grande e forte no baleiro que deixase o Imperio otomán. A primeiros do século XIX Mohammed Ali xa tratara de crear un imperio árabe forte que incluíse Siria e parte de Sudán, ademais de Exipto. Os británicos querían impedilo coa creación dun Estado xudeu.

 Por último, ao crear un Estado xudeu os británicos querían impedir que Francia, gran rival imperialista, se apoderase desta rexión estratéxica. Anteriormente Francia, baixo Napoleón, tentara anexionar Exipto e Siria.

 En 1838 os británicos abriron o seu primeiro consulado en Xerusalén. A misión incluía animar informalmente os xudeus a iren a Palestina coa promesa de protexelos(10). Case sesenta anos antes de que os sionistas xudeus celebrasen os seus congresos, aos británicos non só lles agradaba a idea de asentar xudeus alí, senón que xa empezaran a facelo.

 En 1917 o Ministro de Asuntos Exteriores británico, Arthur James Balfour, escribiu a Lionel Walter Rothschild, membro da destacada familia de banqueiros xudeus Rothschild de Gran Bretaña, unha carta ao movemento sionista, que ía pasar á historia como a Declaración Balfour. Nela afirma que o goberno británico estaba a prol do estabelecemento dun «fogar nacional para o pobo xudeu en Palestina» e que ía facer todo o posíbel para facilitar este proxecto.

 As aspiracións dos sionistas pequenoburgueses coincidían cos intereses xeopolíticos do imperialismo británico. O sionismo é en gran medida froito do gran capital británico. Sexa como fose, sen Gran Bretaña o proxecto sionista nunca se podería desenvolver nin alcanzar os seus obxectivos en Palestina.

 Pero os sionistas non só buscaron apoio no imperialismo británico. Os sionistas alemáns, por exemplo, pecharon varios acordos de cooperación cos nazis. Xudeus alemáns ricos puideron emigrar a Palestina xunto co seu capital. Ese capital xudeu-alemán permitiu aos sionistas construír en Palestina a infraestrutura económica necesaria para recibir os xudeus de Alemaña. A cambio, os sionistas alemáns romperon o boicot que a maioría das organizacións xudías de Europa e Estados Unidos declararan contra o comercio de produtos alemáns.

 En Palestina a Axencia Xudía creou un comité para investigar os problemas dos xudeus en Alemaña. David Ben Gurion, primeiro Primeiro Ministro de Israel, escribiu no seu momento: «Non é a tarefa da comisión avogar polos dereitos dos xudeus en Alemaña. A comisión só se debería interesar polo problema dos xudeus alemáns na medida en que poidan emigrar a Palestina».

 Grazas a eses acordos os xudeus alemáns «formaron a clase superior de Israel» da época(11).

 Despois da Segunda Guerra Mundial o papel de mecenas e facilitador foi asumido sobre todo polos Estados Unidos, con Europa como socio menor.

  1. Proxecto colonial

 Poida que os xudeus fosen(12) un pobo sen terra, mais Palestina seguramente non era unha terra sen pobo. Algo menos de medio millón de palestinos vivían entre o río Xordán e o mar Mediterráneo a finais do século XIX. Para converter a zona nun Estado «xudeu» era necesario eliminar a esa poboación autóctona.

 Noutras palabras, o proxecto propugnaba un colonialismo de asentamento similar ao que os europeos fixeran anteriormente en América do Sur e do Norte, Suráfrica, Australia e Nova Zelandia.

 Todos os proxectos de colonialismo de asentamento se rexen pola chamada «lóxica da eliminación», que é a lóxica de eliminar a poboación indíxena na maior medida posíbel. A historia dos países mencionados demostra que esta lóxica leva inevitabelmente á deshumanización, a privación de dereitos, a limpeza étnica e o xenocidio(13).

 Os obxectivos dos sionistas estiveron moi claros desde o principio, aínda que nun primeiro momento non os declararon abertamente. En 1895 Theodor Herzl escribiu no seu diario: «Tentaremos que os indixentes crucen a fronteira ofrecéndolles traballo nos países de tránsito, mentres lles negamos traballo no noso país. […] Tanto o proceso de expropiación como o de eliminación dos pobres deben levarse a cabo con discreción e cautela».

 E non foron soamente palabras. Os sionistas mercaron todas as terras posíbeis, construíron a súa propia estrutura estatal paralela e estabeleceron milicias(14).

 Aos poucos, os dirixentes sionistas mostráronse menos tímidos e declaráronse abertamente a favor dun Estado exclusivamente xudeu. En 1940 Josef Weitz, xefe do Departamento de Colonización da Organización Sionista Mundial, exprésao con nitidez: «Debe quedar claro que no país non hai sitio para ambos os pobos [árabe e xudeu]. […] Se os árabes [palestinos] a abandonan, a terra será vasta e espazosa para nós. […] Aquí non caben os compromisos. Non hai outro camiño que trasladar os árabes [palestinos] desde aquí aos países veciños, trasladalos a todos, excepto quizais [os árabes palestinos de] Belén, Nazaret e a vella Xerusalén. Non debe quedar nin un pobo, nin unha tribo [beduína]».

 Os estatutos do Likud, o partido de Netanyahu, tampouco deixan moito á imaxinación. Din: “O dereito do pobo xudeu á terra de Israel é eterno e incuestionábel» e «entre o Mar e o Xordán só haberá soberanía israelí».

 O que temos aquí é puro colonialismo de asentamento que, por certo, encaixaba perfectamente no espírito da época, caracterizado polos impulsos colonizadores dos países europeos. A finais do século XIX ocupáronse e colonizáronse case todos os territorios non colonizados de Asia e África. Por exemplo, en 1870 só o 10% de África pertencía a potencias europeas, porcentaxe que aumentou até o 90% no período anterior á Primeira Guerra Mundial. Na Conferencia de Berlín (1885) África repartiuse simplemente entre os colonizadores europeos.

 O sionismo forma parte deses acontecementos e, noutras palabras, pódese considerar o último proxecto colonial europeo.

  1. Solución de dous Estados?

 O colonialismo agresivo púxose inmediatamente de manifesto coa declaración e formación do Estado xudeu en 1948. O seu nacemento foi acompañado da Nakba (“catástrofe” en árabe): unha matanza masiva da poboación palestina, a destrución de 500 pobos e a deportación de aproximadamente a metade da poboación palestina. Unha resolución da ONU prevía o retorno de todos os palestinos expulsados, mais nunca se cumpriu.

 A partir de aí todo se reduciu a aspirar á menor cantidade posíbel de palestinos no maior territorio anexionado posíbel. Coa Guerra dos Seis Días de 1967 Israel cuadriplicou o seu territorio. Ocupou Gaza, a península do Sinaí (devolta a Exipto no 79), Cisxordania (incluída Xerusalén oriental) e os Altos do Golán (arrebatados a Siria).

 Os Acordos de Oslo de 1993 e 1995 consolidaron aínda máis o proxecto colonial. Supúñase que estes acordos ían resolver o conflito palestino-israelí. Contemplaban o chamado autogoberno palestino, que prepararía o camiño para a creación dun Estado palestino. Pero ese autogoberno era unha farsa. Nos feitos, esta “solución de dous Estados” non foi máis que unha táctica de distracción que permitiu a Israel seguir desposuíndo os palestinos. A paz non era máis que un pretexto para que Israel gañase tempo e seguise construíndo colonias xudías.

 E así o fixo. Entrementres, medio millón de colonos viven agora na Cisxordania ocupada e a cifra vai en aumento. Alí a vida dos palestinos faise o máis difícil posíbel: son humillados, acosados e roubados. Miles deles, incluídos nenos, foron secuestrados e pasan anos nos cárceres de Israel.

 Pero isto non é nada comparado co que ocorre en Gaza, onde os seus residentes están sometidos a un bloqueo total desde 2007 e a franxa quedou reducida a ser un campo de concentración.

 Hoxe en día só queda unha pequena parte da Palestina orixinal.

«Acabar o traballo» ou fin do proxecto sionista/imperialista?

 O ataque por sorpresa desde Gaza e o posterior asedio de Gaza son un punto de inflexión no proxecto sionista. Non é posíbel volver á situación anterior.

 O exército israelí permítese unha violencia primitiva e brutal baseada en tecnoloxía punta, incluída a intelixencia artificial. O obxectivo oficial é eliminar a Hamás, pero a ferocidade e a crueldade da operación delatan que se trata dunha escusa para facer inhabitábel a zona e deportar completamente á poboación.

 Segundo o filósofo xudeu Moshé Machover, ese plan existe desde hai moito tempo. En 2014 afirmou : «O que en realidade se está esperando é o momento en que poidan ser expulsados aos países veciños dunha vez por todas. Iso só será posíbel durante unha guerra a grande escala e temo que Israel está disposto a provocala».

 Desde aquela filtráronse varios plans para deportar a toda a poboación de Gaza ao estranxeiro. O ministro de Agricultura, Avi Dichter, fala abertamente dunha «nova ‘Nakba'».

 Sen dúbida, a guerra actual responde plenamente ao vello soño sionista de gobernar a rexión desde «o mar até o río Xordán».

 O respaldo imperialista a ese soño tamén quedou moi claro cando pouco despois do 7 de outubro os altos mandos estadounidenses e europeos se apresuraron a acudir a Tel Aviv para apoiar o goberno israelí. Os Estados Unidos tamén enviaron inmediatamente dous buques de guerra, gran cantidade de municións e 14.500 millóns de dólares en axuda.

 Robert F. Kennedy Jr., sobriño do Presidente John F. Kennedy, explicou claramente por que Israel é tan importante para Estados Unidos: «Israel é esencial para os Estados Unidos. A razón é que actúa como bastión dos Estados Unidos en Oriente Próximo. É case como ter un portaavións en Oriente Medio. É o noso aliado máis antigo, desde hai 75 anos».

 Pero os sionistas están a pagar un prezo por toda esta barbarie. En palabras da antropóloga libanesa Leila Ghanem, Israel está a se converter silenciosamente no «país máis odiado do mundo».

 Desde o comezo da guerra millóns de persoas de todo o mundo saíron á rúa contra o xenocidio de Gaza, os sindicatos detiveron entregas de armas, e funcionarios e soldados israelís están a ser demandados ante tribunais internacionais e nacionais. Corre perigo a mellora das relacións que Tel Aviv estaba a lograr cos países da rexión.

 Para o Sur Global o proxecto sionista é un anacronismo e non ten futuro. Debe acabar “excepción israelí”. Os oprimidos e aterrorizados palestinos e a súa resistencia a este “último proxecto colonial” teñen un enorme valor simbólico.

 Obama advirte acerca dunha nova vaga de antisemitismo a consecuencia do que está a ocorrer en Gaza. Ironías da historia: o sionismo, que pretendía ser unha solución ao antisemitismo, é agora causa de antisemitismo.

 Tamén o imperialismo está en mala posición. O apoio de facto ao horror en Gaza desenmascara a retórica sobre os dereitos humanos e a democracia. Non podería ser maior o contraste entre a maneira en que Occidente tratou a Rusia tras a invasión de Ucraína e o apoio que hoxe presta a Israel.

 A guerra contra Gaza está a acelerar as conflitivas relacións Norte-Sur. Occidente está cada vez máis illado e perdeu definitivamente credibilidade ante os países do Sur global.

 Gustaríame terminar coas palabras de Leila Ghanem: «A batalla de Gaza é a batalla de todos nós. (…) Aínda resoan nos meus oídos as palabras do xornalista portugués Miguel Urbano (1925-2017) : “Aí onde o imperialismo concentra as súas forzas militares, políticas, económicas e mediáticas, quen resiste faino en nome de toda a humanidade. A caída de Gaza será a caída de todos nós ante á barbarie capitalista. O mérito da solidariedade mundial de hoxe con Gaza é desenmascarar o noso común inimigo de clase».

_____________________________________________________________________________

Notas:

(1) Catherine L., ‘De Palestijnse kwestie: een koloniaal probleem?’, in Catherine L., Wim De Neuter en Chomsky N., De Palestijnen: een volk teveel?, Berchem 1988, 5-23, p. 7.

(2) A finais do século XIX o oficial xudeu-francés Alfred Dreyfus foi acusado falsamente de ser espía de Alemaña. A súa condena baseouse en declaracións e documentos falsos formulados polo verdadeiro espía, Ferdinand Walsin-Esterhazy. Dreyfus foi condenado a cadea perpetua. Máis tarde volveu ser xulgado ao reabrirse o caso e Dreyfus foi posto en liberdade e máis tarde aínda foi finalmente absolto.

(3) Catherine L., Palestijnen. Geschiedenis van een kolonisatie, Berchem 2017, p. 45-6.

(4) É especialmente importante neste sentido o mito da escatoloxía. Ese mito refírese á fin dos tempos, tamén chamado Xuízo Final. Segundo a Torá e o pensamento xudeu, eses tempos finais caracterízanse polo regreso da diáspora xudía exiliada, a vinda dun Mesías xudeu, unha vida despois da morte e a resurrección dos mortos. Outro mito é que Israel é a terra que Deus prometeu a Abraham.

(5) O Tanaj é a parte da Biblia considerada sacra polos xudeus. Os cristiáns descríbeno como o «Antigo Testamento». O Novo Testamento, a outra parte da Biblia, céntrase na chegada de Xesús.

(6) Pappe I., Ten myths about Israel, London 2017, p. 15.

(7) Rodinson M., De joodse natie in droom en daad, Berchem 1988, p. 83.

(8) A primeira vaga de colonización comezou con Colón en 1492. Naquela época afectaba principalmente ás Américas e ás rexións costeiras de África e Asia. A partir da segunda metade do século XIX chegou unha nova vaga de colonización. Ocupáronse e colonizáronse case todas as zonas aínda non colonizadas en busca de oportunidades de investimento favorábeis e rutas comerciais lucrativas, por unha banda, e de materias primas e man de obra baratas, por outra. As superpotencias da época, con Gran Bretaña á cabeza, repartíronse literalmente o mundo e tentaron ampliar a súa esfera de influencia todo o posíbel. Esa rivalidade é o que levou á Primeira Guerra Mundial.

(9) Catherine L., Palestijnen. Geschiedenis van een kolonisatie, p. 50.

(10) Pappe I., op. cit., p. 16.

(11) Catherine L., ‘Nazi’s en Palestijnen’, in Catherine L., Wim De Neuter en Chomsky N., op. cit. 133-155, p. 148-150.

(12) Dada a súa diversidade particularmente ampla, é moi cuestionábel que os colonos xudeus se poidan considerar un «pobo». Shlomo Sand analizou en profundidade esta cuestión no seu libro The Invention of the Jewish People.

(13) Pappe I., op. cit., p. 42.

(14) Pappe I., op. cit., p. 42.

____________________________________________________________________________

Artigo orixinal: https://www.dewereldmorgen.be/artikel/2023/12/31/5-zaken-die-je-moet-weten-over-het-zionisme-en-de-oorlog-tegen-gaza/

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 9 de xaneiro de 2023]