Cinco dos principais contratos de ambulancias do 061 poden quedar desertos

Nacional - 30 Xan 2024

As centrais sindicais  trasladan a súa preocupación ante a posibilidade de que cinco contratos do 061, precisamente os que atenden algunhas das zonas máis poboadas do país, queden desertos debido á falta de dotación económica suficiente para  cubrir os custes reais.

O pasado venres rematou o prazo para presentar as ofertas aos novos concursos do transporte sanitario urxente (061), mais catro das actuais xestoras non concorreron: Ambulancias de Pontevedra (que cubre as áreas de Pontevedra e O Salnés), Ambulancias do Atlántico (que dá servizo a Vigo), Ambuibérica (que atende o Baixo Miño) e SASU (que opera na Coruña).

Que as actuais empresas adxudicatarias non presenten ofertas é un feito inusual no funcionamento deste sector e evidencia algo que as organizacións sindicais levan anos denunciando, que os contratos están economicamente infradotados. Ademais, alertan CIG, UGT, CCOO e USO, que as adxudicatarias que prestan agora o servizo non queiran concursar debido á dotación insuficiente supón un risco xa que, de non presentarse outras empresas, os contratos poden quedar desertos.

Resulta incríbel que a Xunta de Galiza siga apostando por un transporte sanitario precarizado e unha prestación deficiente deste servizo público básico, a pesar das reiteradas queixas trasladadas nestes últimos anos tanto por parte do persoal, como polas propias persoas usuarias. Resulta obvio que plan tan magnífico anunciado polo Goberno galego para o transporte sanitario non é certo, pois non hai ningunha mellora no servizo de ambulancias.

Doutra banda, as centrais sindicais denuncian que a Xunta segue sen publicar os novos contratos do transporte non urxente, malia que se comprometeu co sector a sacalos entre os meses de setembro e outubro. Porén, ás portas de febreiro e cun goberno en funcións, nada se sabe das licitacións. Isto está ocasionando inquietude entre as traballadoras e traballadores xa que unha parte do incremento económico pactado no convenio colectivo aplicarase a partir da entrada en vigor das novas adxudicacións.

Neste contexto, e ante a falta de respostas por parte da Consellaría, a representación social non descarta iniciar mobilizacións no sector se nos vindeiros días seguen sen darse solucións concretas a estes problemas.