Clece despide "por non cumprir obxectivos" a unha traballadora que estivo de baixa por enfermidade crónica

A empresa ten a concesión do servizo de limpeza no Hospital de Lugo
Lugo - 03 Nov 2016
Clece, concesionaria do servizo de limpeza do Hospital Lucus Augusti (HULA), acaba de despedir a unha traballadora "por non cumprir os obxectivos", debido a que estivo de baixa laboral por unha enfermidade crónica. Este é o segundo despedimento deste tipo que a empresa executa no último ano e dende o Comité xa anunciaron un calendario de mobilizacións para esixir a readmisión da empregada. 

A decisión (procedente do Servizo de Persoal en Madrid) foi tan inesperada "que incluso deixaron que a traballadora se vestira de uniforme para recibir a noticia, tendo que irse de seguido para a súa casa".

A este respecto, a representación social sinala nun comunicado que "Clece está desenvolvendo unha cruzada contra o absentismo pola vía das coaccións e despedimentos, pero non se para a analizar a causa que o provoca, tal e como lle pediu o Comité de Empresa e o Comité de Seguridade e Saúde".

Explican que, amparándose nas facilidades introducidas pola reforma laboral do PP, a empresa só tivo en conta o número de días traballados, pero non "a vontade da traballadora por curar, nin a súa competencia profesional, da que ninguén dubida".

Neste senso, o Comité denuncia que a empresa ameaza as traballadoras con coaccións telefónicas, cambios nas vacacións, entrevistas obrigatorias, e mesmo se nega a recoller os partes de baixa entregados por familiares. "Se quere rebaixar o absentismo laboral esta non é a vía. O que tería que facer sería valorar a distribución das cargas de traballo e o clima laboral, entre outras moitas cousas", apuntan.

Pola contra, censuran, "o único que importa a empresa é sacar rendemento económico por subvencións aos pagos á Seguridade Social nas súas contratacións, polo que non sería de estrañar que a substitución desta traballadora fora deste xeito".

Concentracións o luns, o mércores e o venres

O Comité demandou a implicación da Xerencia do HULA para que, como titular da contrata, "condicione ás empresas subcontratadas a levar prácticas éticas na xestión dos recursos humanos". Porén, a resposta da Xerencia a este conflito resultou insuficiente.

Dende o Comité de Empresa e o de Seguridade e Saúde engaden que realizarán todas as peticións e denuncias que sexan precisas "para frear estas malas prácticas empresariais".  

Ademais, o luns 7 comezarán un calendario de mobilizacións para reclamar a readmisión da traballadora, con concentracións de 09:30 a 09:45 horas e de 18:30 a 18:45 horas. As protestas repetiranse o mércores e o venres desa mesma semana.