"Clece explotadora, non nos roubes máis"

A Coruña - 23 Mar 2017

Ao berro de "Clece explotadora, ladroa e abusona", "Clece vaite xa, non nos roubes máis" ou "Concello solución, non máis concesión", as traballadoras do servizo de axuda a domicilio da Coruña continuaron este xoves o calendario de mobilizacións diante do Pazo de María Pita para denunciar a precariedade laboral que padecen a causa do "total incumprimento do convenio" por parte da empresa adxudicataria.

Denuncian os abusos por parte de Clece, que está a utilizar fraudulentamente o sistema de bolsa de horas recollida no convenio colectivo; aplica cambios de cuadrantes continuamente; non se respectan as 12 horas de descanso entre xornada; o traballo diario supera as nove horas; e mesmo se chegan a facer 15 días de traballo continuado sen ningunha xornada de descanso.

Esta é a terceira mobilización que o persoal de axuda a domicilio realiza diante do Concello, a quen demandan que interveña para obrigar a empresa adxudicataria a respectar os dereitos recollidos no convenio colectivo e no prego de condicións. Neste senso, un dos temores das traballadoras é que, no marco do novo concurso que deberá saír nuns meses, a empresa volva resultar adxudicataria do servizo.