CLECE subcontrata a INTEGRA -centro especial de emprego do grupo- para traballos ordinarios no Clínico

A Xerencia do CHUS, coñecedora desta actuación irregular, non ten adoptado ningunha medida
Compostela - 06 Xul 2016
A presidenta do Comité de Empresa do servizo de limpeza do Hospital Clínico, adxudicado a CLECE, vén de presentar unha denuncia perante a Inspección Laboral por mor da subcontratación irregular de CEE INTEGRA para desenvolver traballos ordinarios de limpeza no Hospital Clínico. CIG, CCOO e UGT denuncian que, malia ser coñecedora da situación, a Xerencia do complexo hospitalario non ten adoptado medida algunha para corrixir esta situación.

O Comité de Empresa de Clece xa tiña detectado xa con anterioridade a presenza de traballadores alleos a CLECE prestando servizos nesta contrata. Diante disto requiriu, en sucesivas ocasións, información á Xerencia do Clínico sobre esta cuestión para que se aclararan as causas que puideran explicar en termos legais esta situación.

Como única resposta o Comité recibiu da Xerencia comunicación de que CLECE tiña solicitado autorización para subcontratar con CEE INTEGRA exclusivamente limpezas especiais e xerais (non ordinarias) e só desde xaneiro deste ano.

Diante disto, o Comité fíxolle saber á Xerencia que esas subcontratacións xa se produciran con anterioridade á data da solicitude. Xunto a isto requiriron de CLECE á entrega de toda a información e documentación que o Estatuto dos Traballadores/as prevé para estas circunstancias en caso de subcontratación de servizos, sen que a data de hoxe se teña recibido máis información que a obvia de que CLECE procedeu a subcontratar a este centro especial de emprego, con ánimo de lucro, que forma parte do seu propio grupo.

O pasado día 1 de xullo, sen ningunha notificación previa e incumprindo todos os termos establecidos no Estatuto dos Traballadores/as, o Comité detectou persoal de CEE INTEGRA desenvolvendo traballos de limpeza no Clínico. Traballos que lonxe de cinxirse aos solicitados á Xerencia –limpezas especiais e xerais- correspondíanse con labores ordinarios de limpeza até o punto de que as traballadoras que adoitaban realizalos foron desprazadas deses postos para outras zonas de traballo, incumpríndose deste xeito o establecido no convenio colectivo no relativo a acoplamentos de posto de traballo (art. 33).

Esta situación é perfectamente coñecida pola Xerencia do Clínico, xa que representantes da mesma, nomeadamente a Directora de Hostalería estiveron supervisando estes traballos en distintos momentos. Tanto para a CIG, CCOO e UGT, como para a presidenta do Comité de Empresa esta situación, ademais de implicar un novo ataque aos dereitos dos traballadores e traballadoras, supón unha ilegalidade que unha vez máis  é, cando menos, consentida e tolerada pola Xerencia do CHUS.

Por iso se presentou denuncia diante da inspección demandando non só que se diriman responsabilidades da empresa CLECE senón tamén aquelas nas que puidera ter incorrido a propia Xerencia do CHUS.

Xunto a isto, as centrais sindicais pregúntase se por parte da Xerencia ademais de supervisar os traballos de INTEGRA se vixiou o cumprimento da normativa laboral que contempla, entre outras cuestións, que as persoas subcontratadas por CEE INTEGRA teñen que gozar das mesmas condicións económicas e sociais que o resto de traballadores e traballadoras deste servizo de limpeza; se se interesou porque CLECE dese cumprimento ao establecido no referido a información e documentación nos casos de subcontratación ou se se preocupou polos incumprimentos do convenio colectivo na súa presenza.