Clúster da automoción ou clúster da precarización?

Mentiras, precariedade e empobrecemento: a realidade do sector fronte a propaganda oficial, segundo a CIG-Industria

Vigo - Vigo -

A Federación de Industria da CIG presentou hoxe en Vigo unha campaña na que pretende desvendar a realidade do sector do automóbil fronte ás mentiras que sementan multinacionais como PSA-Citroën e organismos como o Clúster da Automoción. Un día a día de maior explotación e precariedade baixo a excusa de criterios fabricados á medida das necesidades da patronal, coa continuidade de ETTs e introdución masiva de emprezas de servizos.

Aínda que as cifras macroeconómicas sosteñan que a automoción xa superou a crise, a CIG-Industria denuncia que os traballadores/as do sector malviven con salarios de hai vintecinco anos, ritmos de traballo inhumanos e convenios miserábeis, ao que hai que sumar a incapacidade de conciliar vida laboral e persoal como resultado das últimas reformas laborais.

Durante a comparecencia, que decorreu xunto a delegados da CIG en empresas do sector como Copo Ibérica, Viza, GKN, Alymosa, TRW, Faurecia Interior, Componentes de Vehículos, Plastic Omnium, Borgwarner ou Gestamp, o 

Salarios de hai vintecinco anos, ritmos de traballo inhumanos e convenios miserábeis

secretario nacional da federación, Xoán Xosé Bouzas Aboi, debullou diferentes tácticas empresariais das que se vale PSA-Citroën e as auxiliares, coordinados desde o Clúster. “Todo isto durante unha época de crise na que se pretendeu aumentar a produtividade das plantas a custa de atacar os dereitos laborais”, denunciou.

Entre elas, sementar a idea dunha falsa competencia entre empresas -moitas veces do mesmo grupo- para coaccionar o persoal e lograr rebaixar as condicións laborais, cando na realidade “teñen todo planificado previamente”. Tamén a de ameazar con deslocalizacións para lograren vantaxes da administración, tal e como o abaratamento do chan industrial ou cuantiosas subvencións a custa do erario público.

Introdución de empresas de servizos

A respeito da estrutura interna, fragméntase en cada vez máis categorías o persoal, procurando a súa división, e introdúcense empresas de servizos creadas ex-profeso con convenios propios ou estatais inferiores. “Contrátase persoal con salarios menores a 800 euros en condicións neo-escravistas, con convenios miserábeis asinados polas cúpulas do sindicalismo estatal”, afirman. Engaden, ademais, que se chegan a xerar contratos de incluso 30 horas “para expremer o maior posíbel os e as traballadores/as con ritmos de traballo infernais”.

Outros mecanismos de lucro patronal son a creación de “categorías de entrada” con salarios ínfimos, a extensión dos contratos a tempo parcial, o desregulamento horario e semanal, contratación vía ETTs ou mesmo subcontratación a firmas portuguesas con maior precariedade. Situacións que, alí onde a CIG ten maioría “se combaten con maior eficacia” ao introducir cláusulas nos convenios para limitar estes abusos. 

As consecuencias implican, tamén, que parte do persoal non teña dereito a participar nas eleccións sindicais da empresa onde traballa, dividindo o persoal e dificultando a labor sindical. En opinión da central, dáse, ademais, unha rebaixa na calidade da produción “ao colocar persoal menos especializado nos muros de calidade, na xestión e nas tarefas propias de loxística, incluso nas liñas de montaxe e nalgunhas tarefas de produción”. 

A externalización de servizos provoca, ademais, que malia o aumento de produción en moitas empresas, os cadros principais diminúan mentres o destas empresas de servizos -moitas do país luso- aumenta. Ademais, o sector reduciu globalmente 2.000 postos nos últimos anos mentres Portugal gañou 6.000, algo que para a CIG-Industria “non é casual”.

PSA-Citröen

En base a estas receitas, o futuro de PSA-Citroën camiñaría en Vigo cara o dunha empresa de síntese, “recortando cadro de persoal non só no taller senón nas oficinas”, froito do cal se terían perdido na matriz máis de 4.000 empregos. “Xamais na historia de PSA o persoal tivo peores condicións laborais”, indicaron, alén de recordar que a filial da multinacional “paga impostos” en Madrid. 

Cómpre quitarlle a careta a estes supostos benfeitores da economía galega

 Por todo isto, segundo Bouzas, “cómpre quitarlle a careta a estes supostos benfeitores da economía galega” e “facer que a nosa sociedade coñeza a realidade”, procurando unha resposta organizada que poña fin aos abusos e “logre un presente e futuro dignos para a clase traballadora galega”.

Deste xeito, a campaña procurará detectar estas casuísticas en cada empresa, dando lugar ás pertinentes denuncias tanto en Inspección de Traballo como mediante a denuncia pública e mesmo a mobilización.

Volver