Colonialismo e desfeita demográfica

Manuel Mera - 09 Xan 2020

Existe unha estreita relación entre natalidade, emigración, emprego e condicións laborais con respecto ao desenvolvemento e ao poder político (importancia dos partidos propios e grao de soberanía); e polo tanto, en todo o relativo á construción dunha economía diversificada, sustentábel e autocentrada

 Segundo as estatísticas, até o inicio do ano 2010 o noso país medrou en habitantes, chegando daquela aos 2.797.000 persoas; nos nove anos seguintes fomos perdendo poboación, e a principios de 2019 había cen mil habitantes menos: 2.698.875. Así comezou un recuar constante, que tanto se deu durante a chamada crise como unha vez iniciada a recuperación do PIB e do emprego asalariado (desta volta máis precarizado). O dato máis evidente desta desfeita demográfica é que no ano 2018 houbo 16.563 nacementos por 32.402 defuncións. Morre o dobre de xente da que nace!

 Agora ben, non se pode obviar que esta desfeita se dá malia o crecemento da inmigración, tanto do exterior como do resto do Estado español (EE). Esta representa a esta altura o 14,15% do total dos residentes na Galiza. Aínda así, a inmigración non compensa a caída da natalidade e a forte emigración da mocidade cara ao exterior. Unha tendencia demográfica regresiva moi consolidada, que se constata cando se compara a evolución da poboación na Galiza respecto da do Estado. Pasamos de representar o 7,4% dos habitantes no ano 1983 a só un 5,7% a primeiros de 2019. Unha caída que, como é lóxico, se reflícte no PIB, na incidencia política... É así porque o Estado das Autonomías non resolveu no esencial o carácter subalterno da Galiza, máxime tendo en conta que a Xunta estivo gobernada en case que todo este período por partidos que fixeron da submisión, do españolismo, a cerna do seu proxecto.

 Dise, como escusa, que este recuar demográfico dáse tamén nos países centrais por mor dos cambios nos hábitos sociais. Naqueles que teñen un papel relevante a poboación non deixou de medrar, aínda que sexa dun xeito morno, destacando o crecemento da inmigración. Sen dúbida a globalización neoliberal, a deslocalización empresarial e o retroceso das condicións laborais son a tendencia dominante na Unión Europea (e na maior parte do mundo industrializado). Como negalo. A intensidade do desenvolvemento é distinta en cada territorio, xa que depende do poder político e económico, e ademais normalmente prodúcese un efecto regresivo cando as nacións carecen dun estado soberano

 Se analizamos a evolución de todas as nacionalidades históricas no EE dende 1996 até 2019, só Galiza perdeu habitantes (uns 57 mil), aínda que Euscadi tamén retrocedese en porcentaxe sobre o total. O conxunto do Estado gañou nese período case que sete millóns e medio de habitantes. No caso galego recuamos tanto en número como en porcentaxe de poboación. Esa é unha diferenza cualitativa que implica ter ou non un goberno con conciencia nacional, aínda que Galiza e Euscadi carezan de plena soberanía e fosen moi afectados pola crise industrial.

 Daquela que a nación galega, mesmo nestes últimos anos que se recuperou o PIB de antes da crise, seguiu perdendo diversidade produtiva e moitas das empresas máis dinámicas pasaron a depender do capital exterior. Este último aspecto non é unha cuestión menor, xa que en caso de crise serán as primeiras en ser sacrificadas, e ademais lembremos que a dirección empresarial e a investigación son trasladadas ás sedes centrais. Polo que, malia que cada vez se forman un maior número de profesionais na Galiza, estes  teñan como a principal saída laboral a emigración, co que isto implica a nivel demográfico e de perda de capital no presente e no futuro. E que, como unha consecuencia suplementaria, ademais aumentan o traballo subalterno (precario, con xornadas extenuantes e mal pago) retroalimentando un baixo consumo e na xeración de emprego, e a caída demográfica.

 En resumo, existe unha estreita relación entre natalidade, emigración, emprego e condicións laborais con respecto ao desenvolvemento e ao poder político (importancia dos partidos propios e grao de soberanía); e polo tanto, en todo o relativo á construción dunha economía diversificada, sustentábel e autocentrada. De pouco vale investir en formación se unha gran parte das persoas que a adquiren emigran. De pouco serven as potencialidades económicas e un esforzo laboral exemplar se a maior parte do excedente foxe ou é repatriado por empresas que teñen seus centros no exterior. Son aspectos básicos que non se poden obviar. O papel que se cumpre na cadea de valor é un aspecto transcendental. A solidariedade ten que ir da man das relacións igualitarias, xustas.

 Trátase polo tanto de que rachemos con todas as formas de dependencia, sexan económicas, sociais, políticas, culturais ou lingüísticas. Que recoñezamos que todas elas son interdependentes, e que se deben caracterizar como as novas formas de colonización durante esta etapa do capitalismo, do imperialismo globalizador e neoliberal. Só superando estes atrancos diversos e interdependentes solucionaremos a desfeita demográfica, ecolóxica, cultural, lingüística, a opresión e a explotación. A situación política é polo tanto central para a creación de emprego e mellorar as condicións laborais e sociais do pobo galego.

 O problema non se cingue en exclusiva a que a empresa na que traballamos vaia ben e teña unhas boas condicións laborais, malia que isto sexa básico. Temos que facer unha caracterización máis ampla, tanto porque a situación pode mudar, como pola regresiva tendencia dominante. E non só porque o sistema estea esgotado, senón porque a actual correlación de forzas permítelles ás clases dominantes seguir a aumentar a concentración e centralización da riqueza a custa da explotación laboral e da opresión nacional, mesmo que isto acrecente as contradicións, a desigualdade e a desfeita ecolóxica. Polo tanto, vinculemos o concreto ao xeral, e o intre actual co pasado e co futuro, para ter propostas e respostas axeitadas, e manter así a iniciativa en todos os escenarios posíbeis.

 

 

Vigo, 9 de xaneiro de 2020