Comercio de alimentación de Pontevedra debaterá a resposta ante agresividade patronal

ASAP, que representa a Gadis e Froiz, teima en impor a conxelación da antigüidade nas negociacións do convenio

Vigo - Vigo - Pontevedra -

Continúa a falta de acordo no proceso de negociación do convenio provincial do comercio de alimentación de Pontevedra, onde a pesar da mediación do AGA, a patronal teima en impor graves regresións para o persoal do sector.

Deste xeito, de nada valeron as dúas últimas xornadas de negociación, decorridas o venres e luns pasados, prolongándose até trece horas. ASAP, maioritaria, que representa os intereses de Gadis e Froiz, insiste na conxelación da antigüidade, que supuña o incremento do 6% por cuatrienio sobre o salario base. Así, as traballadoras/es deixarían de ingresar por este concepto uns 900 euros anuais, pauperizando así os salarios, o que constitúe para a CIG-Servizos, unha materia “innegociábel”.

A conxelación da antigüidade, principal cabalo de batalla da patronal

Por iso, e tendo en conta que despois de sucesivas reunións a patronal non retira o seu “cabalo de batalla”, as centrais convocarán de novo en asemblea ao persoal do sector para estudar as medidas a tomar, entre as cales non se descarta a convocatoria de folga. Terán lugar o vindeiro domingo 27 de novembro ás 11:30 horas nos locais da CIG en Vigo e Pontevedra, convocadas tamén por UGT, CCOO e USO.

Desde a federación aseguran que loitarán por un novo marco que mellore o actual, algo que choca frontalmente coa tentativa patronal de precarizar aínda máis os máis de 20.000 traballadores/as de supermercados -excluíndo os de convenio propio estatal, como Mercadona, LIDL, Carrefour ou Alcampo- mercados, peixarías, carnizarías ou froitarías, entre outras, aos que afecta este convenio de ámbito provincial.

Volver