Comeza a marcha a pé do persoal de Ferroatlántica pola dignidade, contra a colonización e polo emprego

Contra a segregación das actividades de enerxía e ferroaliaxes e o espolio dos nosos recursos naturais

Cee -

A marcha a pé dos traballadores/as de Ferroatlántica "pola dignidade, contra a colonización e en defensa do emprego", tal e como a definiu o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, iniciábase contra as oito da mañá deste mércores en Cee e culminará, o vindeiro sábado día 8 de xullo, cunha folga na fábrica e nas centrais e unha manifestación con saída ás 12:00 horas da Alameda compostelá.

A marcha, convocada polo comité de Ferroatlántica de CEE, Dumbría e CCHH, desenvolverase en catro etapas baixo o lema “As nosas centrais non se venden. Evitemos o espolio dos nosos recursos naturais” e remataba nesta primeira xornada na Picota, tras os traballadores/as percorrer 25 quilómetros desde Cee.

Mañá xoves está prevista a saída desde A Picota, ás 9:00 horas, cun percorrido de 26 quilómetros, até chegar a Negreira. Na etapa do venres os traballadores/as sairán desde Negreira ás 10:00 horas para percorrer desde aí os 12 quilómetros que hai até Bertamiráns.

Na última etapa, o propio sábado día 8, sairán ás 8:00 horas de Bertamiráns, para chegar ás 11:30 horas a Compostela. Xusto a tempo para unirse á manifestación que percorrerá as rúas da capital de Galiza contra a decisión da empresa de vender as centrais, poñendo en perigo así o emprego que estas xeran na comarca da Costa da Morte.

De feito, o impacto para o emprego na comarca sería brutal porque de Ferroatlántica dependen 284 postos de traballo directos e 100 eventuais, máis os xerados pola contratación indirecta de servizos auxiliares. Isto sen contar os empregos en comercio e servizos que se sustentan grazas aos 700.000 € mensuais que perciben en salarios os traballadores/as da factoría.

Abandono do goberno do PP

Por iso Paulo Carril denunciaba no decurso desta primeira etapa que “estamos, con esta mobilización, denunciando tamén a actitude do goberno do PP, que abandona á súa sorte aos galegos e galegas, neste caso da Costa da Morte, por non ser claro e contundente, como levamos pedindo desde a CIG cos traballadores/as desde hai moitos meses, contra o intento de venda das centrais hidroeléctricas por parte de Villar Mir”.

Para o secretario xeral da CIG este é un exemplo claro “do que é a espoliación dos nosos recursos naturais, do que é a colonización de Galiza, e para mellor gloria e fortuna, neste caso de Villar Mir, un exemplo de cómo se utilizan os nosos recursos naturais para enriquecer grandes fortunas españolas e para crear emprego fóra do noso país”.

Por iso considerou que esta é “unha marcha de dignidade, contra a colonización e unha marcha pola defensa do emprego ao que emprazamos a todos os galegos e galegas, a todos os traballadores/as porque o que nos estamos a xogar é se os nosos recursos naturais reverten na creación de emprego e na industrialización da nosa nación ou serven para seguir constatando exemplos de espoliación e colonización dos nosos recursos”.

“Cos postos de traballo non se xoga”

Pola súa banda Afonso Mouzo, portavoz do comité, lembraba que xunto coa CIG, o persoal de Ferroatlántica leva sete meses continuados de loita e aseguraba que con esta mobilización agardan “facerlle ver ao presidente da Xunta que cos postos de traballo da comarca non se xoga”.

Mouzo lembrou tamén que Núñez Feijóo se comprometera a pronunciarse no mes de xuño pero “estamos a 5 de xullo e aínda estamos esperando a que se pronuncie”. Considerou que esta actitude da Xunta débese a que “ten coa empresa medios cambalaches” e asegurou que “non é de recibo que teña a 400 familias directamente afectadas” e manteña, aínda así, o silencio.

Chamamento a todas as galegas e galegos

O portavoz do comité fixo un chamamento a todos os galegos e galegas a mobilizarse diante deste “espolio” de recursos. “Fixéronse encoros nos ríos para abastecer as fábricas de ferroaleación  cando son de todos os galegos e galegas, non de Villar Mir”, asegurou e concluíu afirmando que “non hai ninguha lei que lle permita a Villar Mir vender os ríos por 255 millóns de euros. Iso é un atraco a todos os galegos/as”.

Volver