Comeza a recollida de sinaturas en apoio da ILP contra a eucaliptización

As organizacións promotoras tamén iniciaron os contactos cos grupos parlamentares para que voten a favor

Nacional -

As organizacións promotoras da ILP “para a protección e mellora dos hábitats de bosque autóctono, a racionalización da xestión do monte e a loita contra os incendios forestais”, entre elas a CIG, comezaron este mércores a recollida de sinaturas de apoio entre a cidadanía. Ao mesmo tempo, hoxe tivo lugar o primeiro dos contactos cos grupos parlamentares para expoñerlles o contido da iniciativa e solicitarlles que a referenden co seu voto.

Descarga aquí o díptico informativo

ProbaBaixa_2018_01_00_ILP_DefensaMonte_A5.pdf (2.2 MiB)

O inicio da recollida de sinaturas en apoio da proposta, que xa se coñece como 'ILP contra a eucaliptización de Galiza', tivo lugar en Pontevedra coa instalación dunha mesa na Praza da Peregrina pola que en pouco máis de hora e media pasaron varios centos de persoas a interesarse pola iniciativa e a facilitar a súa sinatura. 

Nos vindeiros días haberá reunións para organizar a recollida de firmas nas distintas comarcas

Nos vindeiros días está previsto que se celebren xuntanzas de coordinación entre as entidades promotoras -agrupadas baixo o nome de “Cousa de Raíces”, rede que integra a máis de 60 colectivos-, para organizar as recollidas de sinaturas nas distintas comarcas co obxectivo de conseguir que chegue ao Parlamento co maior respaldo social acadado nunca por unha ILP no noso país.

Por outra banda, este xoves tivo lugar o primeiro dos contactos cos grupos parlamentares para expoñerlles o contido da iniciativa e demandarlles que a referenden co seu voto unha vez sexa presentada na cámara.

A organización que encetou a rolda de contactos foi En Marea, cuxos representantes se amosaron receptivos ás medidas que contempla a ILP para mudar un modelo de aproveitamento forestal -orientado na actualidade cara ao eucalipto- co obxectivo de defender o bosque autóctono, mellorar a xestión dos montes e loitar contra os lumes.

Volver