A Comisión de Centro do CHUAC alerta do colapso continuado de Urxencias e do conxunto do hospital da Coruña
A Comisión de Centro do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) alerta do colapso “grave e sostido” no que se atopa o servizo de Urxencias e que esta situación xa afecta a todo o complexo hospitalario. O órgano de representación atribúe este colapso “á incapacidade da xerencia e do SERGAS para dar resposta á demanda asistencial existente” e exixe que se adopten medidas inmediatas e estruturais.
Non se trata dun feito illado nin puntual, engaden, senón que esta situación “é consecuencia directa dunha falta estrutural de medios e de planificación no conxunto do sistema sanitario público”, especialmente na Atención Primaria. A carencia de recursos neste primeiro nivel asistencial provoca unha sobrecarga nos PAC e nas urxencias hospitalarias.
A Comisión explica que, no CHUAC, esta sobrecarga se traduce na ausencia de camas dispoñíbeis para ingresos, na saturación permanente das Urxencias e “na adopción de medidas excepcionais totalmente insuficientes, como po exemplo o peche da unidade de trauma para ingresar doentes procedentes de Urxencias”.
Porén, advirten que estas decisións non resolven o problema de fondo e provocan que o colapso se estenda a outras áreas asistenciais, “poñendo en risco a calidade da atención e a seguridade das e dos pacientes”.
Deterioro das condicións laborais e da calidade asistencial
Esta realidade está a ter un impacto directo nas condicións das e dos profesionais do CHUAC, “sometidas a unha sobrecarga extrema, con cadros de persoal claramente insuficientes e cun desgaste físico e emocional cada vez maior”. Ao tempo, critican que coa súa xestión, “a xerencia vulnera de maneira reiterada os dereitos das persoas doentes, que reciben asistencia en condicións impropias dun hospital público de referencia”.
A Comisión de Centro do CHUAC exíxelle á xerencia e á Consellaría de Sanidade que “deixen de aplicar parches” e adopten medidas urxentes e estruturais, reforzando de inmediato a Atención Primaria, incrementando as camas de hospitalización e dotando os centros de persoal suficiente en todas as categorías. “Sen unha aposta real pola Atención Primaria, tal e como alerta o propio persoal coordinador de Urxencias, o colapso seguirá cronificándose”.
E neste senso reiten que a “Comisión de Centro non vai normalizar esta situación nin aceptar que se siga xogando coa saúde da poboación e coas condicións laborais do persoal”.