Comisión de Centro CHUAC: “Non existe ningún plan de continxencia para afrontar o colapso das urxencias”

Denuncian o amoreamento de doentes nos corredores
A Coruña - 27 Dec 2017

A Comisión de Centro do CHUAC volveu denunciar este mércores “a falta absoluta” de medidas que permitan, cando menos, minimizar a situación de colapso do servizo de urxencias, “que leva todo o mes de decembro atendendo as/os pacientes amoreadas/os nos corredores en padiolas ou cadeiras de rodas”.

Para a representación do persoal a Xerencia e a Consellería están anunciando un presunto “plan de continxencia” do que nada se sabe e que até o momento non supuxo ningún cambio no servizo. Por iso, pregúntanse se o plan consiste “en aguantar e deixar que pase o inverno, normalizando situacións de atención aos enfermos e enfermas que terían que ser inexistentes ou excepcionais”.

A este respecto, dende a Comisión de Centro critícase que a Consellaría e a Xerencia recorran de xeito permanente á escusa dos “picos de gripe” para xustificar o colapso das urxencias, cando “o que hai é un pico de recortes nos centros de saúde e nos hospitais”.

Subliña a presidenta da Comisión, María Seijo (CIG), que garantir a asistencia sanitaria “non é suficiente cando as condicións nas que se presta esta asistencia deixan as e os enfermos vulnerábeis e  indefensos ante a perda absoluta da súa intimidade persoal. Isto non se pode aceptar como normal, non o é para as/os profesionais e moito menos para as persoas enfermas e as súas familias”. Engade ademais Seijo que nestes momentos a asistencia está garantida grazas o labor dos/as profesionais “e a pesares da pésima xestión dos responsábeis”.

Dende a Comisión de Centro esixen da Xerencia e da Consellaría “que fagan o seu traballo, porque incluso en situacións nas que demostran unha absoluta falta de previsión, poden tomar decisións (iso si, esas decisións custan cartos): máis profesionais, máis recursos en atención primaria e máis camas nos hospitais”, aseveran.