O comité de Alsa Ferrol pide a actuación do Concello, Xunta e empresa para evitar os atrasos xerados polas obras

Ferrol - 28 Nov 2023

O comité de Alsa Ferrol demándalle ás institucións responsábeis do servizo de transporte urbano e metropolitano na zona de Ferrol (Concello, Xunta de Galiza e empresa) que tomen as medidas oportunas para solucionar os continuos atrasos que se están a producir nas liñas de transporte urbano a causa das obras na cidade. Traballos que provocan retencións e a paralización do tráfico rodado, o que fai imposíbel o cumprimento dos horarios estabelecidos.

O comité que cada vez resulta máis complicado ofrecer un servizo de calidade "á altura do que se merecen as e os usuarios do transporte urbano", debido ao aumento do tráfico rodado nas vías polas que discorren os autobuses e que tiveron que variar o seu percorrido por mor das obras que se realizan na cidade de Ferrol

Por iso, a representación social pídelle tanto ao Concello de Ferrol, como á Xunta de Galiza e A Alsa "que tomen as medidas oportunas para a mellora do servizo adaptando os horarios (modificando os que sexan necesarios), e regulando e axilizando a circulación naqueles puntos conflitivos e nas horas nas que se producen unhas graves retencións, para poder ofrecer o servizo nas mellores condicións posíbeis".

Denuncian tamén que os traballadores e traballadoras "están desenvolvendo o seu labor sen ter consolidado un incremento salarial dende o ano 2020, cobrando exactamente o mesmo a pesar do aumento da cesta da compra e demais servizos". Esta situación de precariedade laboral tamén repercute negativamente no servizo" que debería ter unha calidade excelente, tanto para as persoas usuarias como para o persoal. Pero as institucións implicadas na prestación do servizo e na vixilancia do seu cumprimento non exercen as súas responsabilidades para garantilo".

Neste senso, subliñan que o persoal sofre todas as consecuencias pola mala prestación do servizo, sen ter culpa dos atrasos "e aguantando a presión do caos circulatorio producido polas obras, así como o enfado xustificado das e dos viaxeiros a causa dos atrasos continuos que lle provocan grandes inconvenientes".