Comité de Ferroatlántica esixe a non segregación da actividade produtiva das fábricas e as centrais hidroeléctricas

Ante as noticias aparecidas na prensa sobre unha posíbel venda das plantas de enerxía que o grupo explota no Xallas
A Coruña - 11 Out 2016
O Comité de Ferroatlántica Cee- Dumbría-Centrais Hidroeléctricas esixe á empresa e á Xunta de Galiza a non segregación das actividades produtivas da compañía (xeración de enerxía e ferroaleacións), reclama o mantemento de todos os postos de traballo e as inversións necesarias para esta fin.

Estas manifestacións prodúcense tras das noticias aparecidas en prensa sobre a posíbel venda das plantas hidroeléctricas que a empresa explota no Xallas e que están ligadas á produción das fábricas.

Neste senso, a representación social lembra que Ferroatlántica (do grupo Villar Mir) ten as concesións para explotar "os nosos recursos naturais, beneficiándose de concesións públicas supeditadas ao mantemento e xeración de postos de traballo, así como a declaración de utilidade pública para a expropiación de terreos e para a construción e explotación das centrais".

Insiste o Comité no feito de que as actividades de enerxía eléctrica e de ferroaleacións forman unha unidade produtiva única. A vinculación de ditas actividades está obrigada pola Xunta de Galiza, sendo ratificada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza con data 9/5/1996 e polo Tribunal Supremo con data 18/10/2001.

De igual xeito, subliñan, todos os grupos parlamentarios aprobaron unha declaración unánime en contra da segregación e a prol do mantemento dos empregos. Declaración institucional que tamén referendou a Deputación da Coruña e os plenos de varios concellos da comarca.

Á falta de confirmación das intencións da empresa, o Comité esixiu da Xunta a non segregación das actividades produtivas e o mantemento dos postos de traballo, así como que se realicen as inversións necesarias para este fin. A tal obxectivo, veñen de solicitar entrevistas tanto coa dirección empresarial como co Presidente da Xunta.

"Demandamos da presidencia da empresa a rectificación pública de ditas noticias na prensa e instamos ao presidente da Xunta de Galiza a respectar os compromisos ratificados recentemente, así como o mantemento da legalidade vixente relativa a non segregación das actividades produtivas", aseveran.