"Ferrovial actúa así porque ten a certeza de ser sempre a mellor puntuada no concurso de limpeza do CHUF"

O persoal volveuse mobilizar este xoves diante do hospital
Ferrol - 22 Mar 2018

Traballadoras e traballadores do servizo de limpeza do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol (CHUF) continuaron este xoves as mobilizacións para denunciar a política laboral aplicada por Ferrovial e rexeitar a conivencia da Xerencia que "a pesar de coñecer as prácticas da empresa non ten adoptado ningunha medida". Máis aínda, denuncia o comité, Ferrovial actúa con esa impunidade "porque ten a certeza de ser sempre a mellor puntuada no concurso".

"É duro saber que unha empresa como esta vai estar permanentemente prestando o servizo", critica o presidente do comité, Marcos del Río, con maioría da CIG. Lembra que dende hai 13 anos consecutivos a contrata da limpeza do CHUF recae en empresas do grupo Ferrovial. "É sempre a compañía que mellor puntuación recibe na parte técnica, a pesar dos continuados incumprimentos", subliña.

A deste xoves é a quinta mobilización que o persoal desenvolve para esixir o cese das represalias, os recortes e "que a empresa deixe de facer negocio coa saúde do persoal". A este respecto, o presidente do comité explica que cada vez que un traballador ou traballadora cae de baixa, a empresa castiga a esa persoa mudándolle os horarios ou cambiándolle o posto "para asignarlle as tarefas máis penosas".

Entende que estas medidas teñen un carácter exemplarizante e o seu obxectivo é reducir o número de baixas "para tirar máis beneficio a costa da nosa saúde". "Temos casos de compañeiras que viñeron traballar tendo febre por temor a que lle cambiaran de planta se collían unha baixa", engade.

Xunto a isto, Del Río sinala que dende a empresa se fomenta un clima laboral "insán", a través do que busca o confronto entre traballadores/as.

Máis orzamento e menos traballadores/as

Para a CIG-Servizos resulta altamente preocupante que a dende a área sanitaria de Ferrol non só se consinta este comportamento patronal, "senón que mesmo se achande o camiño a unha empresa que xerou a maior destrución de emprego e precarización na historia do hospital".

Cómpre lembrar que no último prego de condicións, o SERGAS incrementou o prezo do servizo até niveis precrise "para limpar a mesma superficie pero con 20 traballadoras/es menos" dos que estabelecía o anterior concurso. De xeito que, segundo os cálculos da central sindical, a empresa vai tirar 1 millón de euros de beneficios.

Xunto a isto, o presidente do comité lembra que "este é o único hospital de Galiza no que ao persoal de limpeza nos aplicaron os recortes salariais que a administración impuxo aos seus traballadores e traballadoras. Ferrovial é a primeira en apuntarse aos recortes, pero cando se trata de conseguir un dereito témolo que pelexar por todas as vías". Como exemplo expón que a mobilidade do persoal esta regulada no convenio do Sergas, "pero como non lle interesa, iso a nós non nolo aplica".

Porén, ante esta situación, o comité advirte que "non imos parar até que se respecten todos os nosos dereitos".