"A Xunta ten que desautorizar de inmediato a segregación que pretende Ferroatlántica"

O Comité demanda unha reunión urxente con Industria e advirte de novas mobilizacións

Cee -

O Comité de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas, reunido de urxencia, acordou levar adiante todas as mobilizacións que sexan necesarias "para esixir á Xunta de Galicia que, de xeito inmediato e contundente, desautorice a solicitude de segregación de actividades presentada formalmente no día de onte pola empresa". A tal fin, a representación do persoal non descarta convocar todo tipo de mobilizacións, incluídas novas xornadas de folga nas fábricas e centrais hidroeléctricas ou manifestacións polas rúas de Santiago.

De igual xeito, o Comité vén de remitir un escrito ao conselleiro de Industria pedindo unha reunión urxente para coñecer que documentación achega a empresa e que actuacións vai realizar o departamento autonómico. No caso de que a Xunta e a Consellaría non respondan á petición nas próximas horas, "o Comité porá en marcha as medidas que sexan precisas para esixir do conselleiro que nos reciba".

Novas mentiras da empresa

A concesión dos aproveitamentos hidráulicos estivo sempre vinculada á produción de ferroaliaxes"

Así mesmo, este Comité fixo unha serie de consideracións ao contido do comunicado enviado á prensa por Ferroatlántica. "Cando di que solicita o retorno ao estado orixinal das concesións, cómpre lembrar que a concesión dos aproveitamentos hidráulicos estivo sempre vinculada á produción de ferroaliaxes. Volver ao estado orixinal sería recuperar os ríos como estaban hai 100 anos, sen saltos de auga e sen encoros". afirman. Nesta liña, subliñan que "a única razón pola que as fábricas se instalaron en Cee e Dumbría foi a presenza dos ríos Xallas e Grande e as súas posibilidades para a produción de electricidade. Aínda que pretende dar a entender o contrario, cando o Grupo Villar Mir adquiriu o complexo industrial no ano 92 as dúas actividades xa estaban unidas e esta condición foi aceptada pola empresa, quen posteriormente litigou pola vía xudicial para conseguir a segregación".

Porén, tanto o TSXG como o Tribunal Supremo ratificaron nas súas sentenzas a vinculación de ambas actividades. "Estamos polo tanto, ante unha nova tentativa do Grupo Villar Mir de lograr  a separación das fábricas e as centrais".

Doutra banda, desmenten a empresa cando asegura que a maioría sindical ten avalado o acordo sobre o proxecto industrial. Sobre esta cuestión destacan que o 75% da representación sindical dos centros de traballo afectados directamente son contrarios a esta operación especulativa. Aínda que a empresa tamén fai gala do apoio recibido pola Confederación de Empresarios da Coruña, engaden que non cómpre perder de vista que o empresariado da comarca, os alcaldes, o comercio e o conxunto da sociedade da Costa da Morte tense pronunciado en contra da venda en numerosas ocasións, tal e como quedou reflectido na multitudinaria manifestación do pasado 10 de marzo.

En risco os empregos e o futuro da comarca

O 75% da representación sindical dos centros de traballo afectados directamente é contraria a esta venda especulativa"

"Afirmamos que estamos ante unha operación especulativa, porque o interese xeral ao que alude Ferroatlántica xa está garantido nestes momentos por lei. O que busca a empresa é facer negocio coa venda das centrais, pondo en risco a continuidade dos empregos e as factorías e obtendo uns recursos económicos que, en boa medida, irán a parar a Aurinka, a planta de silicio solar que Javier López Madrid (presidente de Ferroglobe e imputado na Operación Lezo e inmerso noutras causas xudiciais) impulsou en Puertollano", aseveran.

Sobre López Madrid, o Comité reclámalle ao Presidente de Ferroglobe que se aplique a si propio o Código Ético que a empresa di ter "e que dimita, como xa se veu forzado a abandonar o consello de OHL. A credibilidade do plan industrial de Ferroatlántica ten a mesma credibilidade que un personaxe como López Madrid".

Reiteran unha vez máis que empresa está intentando levar adiante un plano de reconversión e desmantelamento, que fronte as afirmacións da dirección, suporá o peche das factorías de Cee e Dumbría. "A falta de credibilidade dos proxectos de Ferroatlántica constátase no incumprimento de calquera inversión e modernización nas fábricas -nin tan sequera se construíu o formo 23 en Dumbría-;  estamos vendo as verdadeiras consecuencias que supón a fusión con Globe; e no incumprimento das inversións  anunciadas en setembro  de 2016 en FerroSolar. En modo algún é verdade que se vaian xerar os postos de traballo que manexa a empresa, pois no mellor dos casos estaríamos falando de 30 empregos".

A autorización sería unha decisión nula de pleno dereito

En todo caso, para a representación social resulta sorprendente que a estas alturas a Xunta non se teña pronunciado e sexa o propio Comité quen teña que lembrar ao Goberno galego "que autorizar as pretensións do Grupo Villar Mir suporía unha ilegalidade e sería unha decisión nula de pleno dereito".

Así o recolle o informe técnico-xurídico que, ante a pasividade da Xunta, o Comité de Cee-Dumbría-Centrais  Hidroeléctrica encargou á Universidade da Coruña. Este documento confirma que, de producirse un cambio das condicións orixinais das concesións, isto será motivo de caducidade das mesmas e polo tanto, deberán ser devoltas á administración.

De producirse un cambio das condicións orixinais das concesións, isto será motivo de caducidade das mesmas e deberán ser devoltas á administración"

Ademais, advirte que a persoa funcionaria ou autoridade que  ditara unha resolución favorábel á transmisión dos aproveitamentos hidroeléctricos a unha empresa diferente da que é titular das actividades de ferroaliaxes podería estar incorrendo nun delito de prevaricación administrativa.

"E que non lle caiba dúbida ao Goberno do PP, se dá as costas aos traballadores/as e á comarca autorizando a segregación, este Comité promoverá todas as actuacións necesarias para reverter a decisión, incluso chegando á vía xudicial. Preguntámonos se agora que Ferroatlántica formalizou a solicitude, terá a ben o Sr. Francisco Conde reunirse co Comité, ou pola contra pregarase aos intereses dunha empresa que, non esquezamos, está sendo investigada polo financiamento ilegal do partido ao que representa o conselleiro", sinalan.

Finalmente, o Comité entende que "xa basta de enredar e de tentar confundir. A Xunta ten que pararlle os pés á empresa. Manter vinculadas as fábricas e as centrais hidroeléctricas depende só dunha decisión política e é competencia exclusiva da Xunta. Non valen as medias tintas".

Volver