Comité Hércules de Armamento censura o "pasotismo" da Consellaría de Industria

A Coruña - 24 Mar 2017

O Comité de Hércules de Armamento critica a falta de resposta á reunión solicitada co conselleiro de Industria, despois de intentalo en varias ocasións e por distintos medios. "Esta actitude parécenos totalmente rexeitábel, ademais de irresponsábel e inadecuada, dando lugar a unha situación de abandono absoluto e incerteza que pon de manifesto un pasotismo, ineficacia ou “non querer facer”, para o mantemento da actividade industrial e dos postos de traballo na fábrica de armas", denuncian.

Engaden que, de seren certas as informacións publicadas por diversos medios, "esta actitude tería provocado xa a retirada dun inversor a nivel estatal, no seu interese por entrar no accionariado de HdA".

A representación social mantivo un encontro coa Consellaría de Industria o pasado 16 de febreiro en Compostela, na que se analizou a posibilidade de crear unha mesa de traballo, para abordar a situación e coordinar as actuacións para garantir o mantemento da produción e dos postos de traballo. Esta xuntanza tivo un carácter preparatorio doutra posterior co titular do departamento, que aínda non se produciu.