Concentración contra a “vitimización secundaria” que aplica Extel a unha traballadora que sufriu violencia de xénero

A empresa descontoulle 47€ da nómina de setembro polo tempo que dedicou a acudir ás consultas médicas na súa condición de vítima
A Coruña - 15 Feb 2016
Os xulgados da Coruña foron o escenario no que a Secretaría das Mulleres da CIG desenvolveu unha concentración este luns en solidariedade cunha traballadora de Extel (sector de telemárketing) a quen a empresa descontou da nómina de setembro a parte proporcional por acudir ás consultas médicas derivadas da súa condición de vítima de violencia de xénero.

A protesta convocouse diante dos Xulgados da Coruña, coincidindo coa celebración do xuízo pola demanda de tutela de dereitos fundamentais que a traballadora (que tamén é delegada pola CIG) presentou contra a empresa. A propia Patricia Cordo explicaba que como vítima de violencia de xénero tiña que acudir ás consultas psicolóxicas no CIM e nunca tivera problema coa empresa por este motivo. “Entregaba os xustificantes e a empresa marcaba as ausencias como un deber inescusábel”, sinala.

Porén, coincidindo cun cambio na dirección, a empresa comezou a alegar que “non existía nada na lei que amparase” estas ausencias e “polo tanto que me retiraban a parte do salario”. “En febreiro tiven unha consulta e en setembro quitáronme do salario 47,16 euros, porque foron descontando das horas médicas que temos por convenio e ao rematar empezaron a descontar da nómina”.

Neste senso, a Secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, denuncia que a actuación da empresa supón unha gravísima vulneración dos dereitos recollidos na lei de medidas para a protección integral contra a violencia de xénero, do dereito á integridade física e moral da afectada, e do dereito á igualdade e non discriminación por razón de xénero. Isto é así por canto Extel sanciona a traballadora por acollerse, precisamente, ás medidas de protección estabelecidas para afrontar a súa situación como vítima dunha violencia que acontece polo simple feito de ser muller.

Ademais, Corral criticou que a empresa avale as condutas machistas ao aplicar unha “dobre vitimación” da traballadora, xa que “por riba do que tivo que sufrir na súa vida privada, en vez de protexer os seus dereitos como traballadora vítima -tal e como está recollido legalmente-, a empresa aprovéitase da situación e penalízaa economicamente por asistir ás sesións médicas”, ás que debe acudir ante o cadro de violencia de xénero que padece. Un actitude que cualificou de “repulsiva e denigrante”.

Corral insistiu en que, fronte ao parecer da empresa, a lei ampara este tipo de permisos, que a traballadora acreditou en todo momento.

Cómpre subliñar que esta non é a primeira vez que Extel atenta contra os dereitos desta traballadora, pois en recentes datas a empresa foi condenada xudicialmente por vulnerar os seus dereitos fundamentais. Por iso, na demanda, a traballadora tamén solicitou o cese inmediato da conduta da empresa e a reposición da cantidade do salario detraída, tamén se solicita ao xulgado que condene a Extel a abonar unha indemnización a afectada por danos morais.