Concentración en Lugo para exixir que a UTE Autos Morán subrogue a todo o persoal de Arriva Noroeste

A FGAMT-CIG de Lugo demanda que se garanta o emprego no sector
Lugo - 29 Nov 2017

A FGAMT-CIG de Lugo concentrouse esta mañá diante do edificio da Xunta de Galiza en Lugo para denunciar a negativa da UTE Autos Morán-Autocares Rodríguez Domínguez a asumir a subrogación da totalidade dos traballadores e traballadoras de Arriva Noroeste, anterior adxudicataria do transporte de persoas por estrada de uso regular na liña “A Mariña-Viveiro-Ribadeo”. Unha mobilización na que exixiron ademais o cumprimento do compromiso de garantir o emprego, acadado tras da folga do sector de Transporte.

Segundo explica o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo, Christian López Carmona, o pasado día 9 de agosto a UTE Autos Morán anunciaba a súa negativa a facer a subrogación da totalidade dos traballadores da anterior concesionaria, Arriva Noroeste. “Cando se produciu este incumprimento abriuse un debate e Autos Morán xustificou a súa decisión asegurando que Arriva inflara o listado de persoal subrogable”.

A raíz disto en setembro iniciouse un expediente para o rescate da concesión na Comisión de Seguimento do Acordo do sector de Transporte de viaxeiros por estrada. “A Xunta solicitou información ás partes e resolveu que había indicios de que efectivamente Arriva manipulara os datos”, sinala López Carmona.

Porén, diante desta situación, o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo denuncia que “en lugar de actuar o que fixo a Xunta foi arquivar o expediente deixando aos traballadores na rúa e sen traballo”.

Lembra que os traballadores e traballadoras do sector do transporte conseguiron que se lles recoñecera, tras da folga, o dereito de subrogación pero “a día de hoxe non o teñen garantido.

Por iso a FGAMT-CIG exixe tanto a  readmisión destes traballadores como que se cumpran as garantías de emprego contempladas e acusa á administración de actuar como “títeres en mans destas empresas”.

Ademais advirte de que esta situación pode repetirse, en función de cómo se resolvan o groso das concesións para 2019, se a Xunta de Galiza segue eludindo as súas responsabilidades sen resolver nin garantir os dereitos do persoal afectado.