Concentración en repulsa ao asasinato no Brasil da activista feminista Marielle Franco

A protesta foi convocada pola Marcha Mundial das Mulleres, da que a CIG fai parte
A Coruña - 21 Mar 2018

Ducias de persoas participaron na mobilización convocada na tarde do mércores diante do Consulado de Brasil na Coruña en rexeitamento ao asasinato da activista feminista brasileira Marielle Franco. A protesta, convocada pola Marcha Mundial das Mulleres, da que a CIG fai parte, quixo ser tamén un xesto de solidariedade co conxunto das compañeiras da MMM do Brasil.

A protesta súmase así a outras xa realizadas pola MMM esta semana en varias cidades galegas.

No remate da mobilización unha voceira da Marcha deu lectura ao manifesto reproducimos a seguir:

As mulleres da Coordinadora Nacional Galega da Marcha Mundial das Mulleres queremos expresar a nosa solidariedade e apoio ás compañeiras do Brasil polo asasinato policial de Marielle Franco.

Marielle Franco, compañeira feminista, negra, bisexual, obreira das favelas do Río de Xaneiro foi un exemplo de compromiso social pola transformación e construción dunha sociedade xusta e igualitaria.

Ela, como antes Berta Cáceres en Honduras ou Sakine, Fidan e Leyla compañeiras kurdas asasinadas en París, foi asasinada por organizarse para construír un mundo de vida digna para as mulleres. Foi, como elas, un pequeno faro alumeando o camiño da liberdade, a xustiza social e a igualdade.

Hoxe concentrámonos para esixir xustiza para a súa familia, condenando aos culpábeis, esa policía fascista ao servizo da dereita neoliberal que goberna o Brasil tras o golpe de estado.

Nunha Galiza na que a liberdade de expresión e persecución de militantes é cada vez máis alarmante, berramos ben alto que non imos deter a nosa loita contra o patriarcado e o capitalismo. E que cada compañeira que nos arranquen será un motivo máis para continuar.

Marielle Franco, por ti, por todas, nin un minuto de silencio, toda unha vida de loita!!!

Seguiremos en marcha, até que todas, en todas as partes do mundo, sexamos libres!

A Coruña, a 21 de marzo de 2018