Concentración no Concello de Arteixo contra a represión laboral e o deterioro dos servizos públicos
A CIG e persoal municipal do Concello de Arteixo concentráronse na mañá deste luns diante da Casa Consistorial en resposta á política laboral baseada no medo, a represión e a arbitrariedade que está a impor o alcalde da vila, Carlos Calvelo. A protesta realizouse con motivo da celebración dun pleno extraordinario forzado pola oposición para tratar precisamente a política de xestión do persoal municipal.
A CIG-Administración Pública denunciou que non se trata dunha mala xestión puntual, nin de erros administrativos, senón “que estamos ante un modelo consciente de goberno no que o alcalde utiliza o Concello como unha ferramenta de control, presión e castigo contra as persoas traballadoras que non se someten”.
Neste contexto enmarcaron o despedimento disciplinario dun traballo do servizo de residuos que tivo lugar en datas recentes, que consideran claramente desproporcionado e carente de fundamento real, e a través do que se pretende “xerar medo no conxunto do persoal municipal”. Advirtiron dunha estratexia de persecución sindical, con expedientes disciplinarios reiterados contra persoas delegadas e afiliadas da CIG, “nun intento evidente de neutralizar a organización sindical e eliminar calquera oposición interna”.
Durante a protesta criticouse que a actuación do alcalde non só “é inxusta, senón profundamente irresponsábel desde o punto de vista institucional, pois está a deteriorar o clima laboral, a erosionar os servizos públicos e a utilizar o poder que lle deu a cidadanía para actuar contra quen traballa para esa mesma cidadanía”.
A este respecto, alertaron que se está a avanzar tamén nun proceso de desmantelamento progresivo dos servizos públicos, coa intención de privatizar o servizo de xardíns, sen xustificación suficiente, sen diálogo e sen garantir alternativas dignas para o persoal afectado. “Isto non é modernización nin eficiencia. Isto é entregar o públicos ás mans do capital privado e precarizar o emprego”, rexeitou a CIG-Administración.
Por iso, a CIG interpelou directamente a cidadanía de Arteixo “porque o que está en xogo xa non é só un conflito laboral. É o modelo de Concello, de democracia e de respecto aos dereitos máis básicos” e animou a mobilizarse par frear a represión sindical e impedir a privatización dos servizos públicos.