Concentración nos Xulgados da Coruña contra a represión sindical na xustiza

CIG-Xustiza entende que se trata dunha "vinganza contra as centrais que non asinaron o acordo"

Traballadores e traballadoras de xustiza concentráronse este mércores diante dos xulgados da Coruña en solidariedade coas compañeiras e compañeiros denunciados  por "enfrontar a vulneración dos servizos mínimos" no marco da folga desenvolvida durante máis de tres meses nesta administración. Ao tempo, coa protesta quérese rexeitar a campaña represiva contra as centrais sindicais que non asinaron "o mal acordo" argallado de costas as traballadoras/es e que o propio persoal invalidou na votación.

Chelo Rodríguez -delegada de CIG-Xustiza- é unha das persoas que, xunto a outro delegado sindical, tivo que acudir hoxe a declarar no Xulgado de Instrución 1 en calidade de investigada por un presunto delito de coaccións durante a recente folga no sector. Ás portas do edificio da rúa Monforte, o secretario do sector de Xustiza da CIG, Xesús Sánchez, valoraba que "sen dúbida, estamos ante unha vinganza contra os sindicatos non asinantes do acordo e que foron máis activos durante todo o conflito".

Campaña de represión

A denuncia que motivou a instrución tivo a súa orixe na queixa presentada por unha funcionaria diante do TSXG despois de que un piquete informativo falase con ela nunha das xornadas da folga por mor da interpretación abusiva dos servizos mínimos. O Tribunal trasladoulla á Dirección Xeral de Xustiza, que abriu un expediente disciplinar que quedou suspendido porque tamén o Xulgado de Instrución abriu dilixencias previas por coaccións.

Para Sánchez resulta sorprendente a rapidez con que este caso chega á instrución, xa que "o normal é que a Fiscalía abra unhas dilixencias informativas para avaliar se hai posíbel delito ou non, pero desta volta tras a denuncia o xulgado abriu directamente dilixencias previas por un delito de coaccións". Para o responsábel de Xustiza da CIG atopámonos ante unha campaña de represión froito dunha decisión política que "busca penalizar as organizacións que defenden os dereitos dos traballadores/as e servir de exemplo para o resto do persoal do sector público"  á hora de reivindicar melloras salariais e laborais. 

A este respecto, Sánchez chama a atención sobre o feito de que ningunha das centrais sindicais que asinaron o acordo coa Consellaría de Xustiza están sufrindo esta persecución, aínda que os sucesos denunciados aconteceron no marco da folga convocada por toda a representación social. Nesta liña, Chelo Rodríguez contextualizou os feitos referidos, que tiveron lugar o 23 de abril "cando aínda se mantiña a folga por todo o comité, a pesar de que había algunhas organizacións que xa comezan a repregarse. Sabíase polas declaracións de Alfonso Rueda que había negociacións por detrás pero todas as centrais seguían dentro do conflito", lembrou.

Como consecuencia desta vaga represiva, o pasado martes outros tres representantes sindicais tiveron que declarar diante da Fiscalía de Pontevedra, a raíz da denuncia dun ex delegado dun dos sindicatos asinantes polo acontecido no día da votación do acordo.

Unha folga exemplar

Rodríguez puxo en valor a loita exemplar que durante tres meses levaron adiante as traballadoras e os traballadores de xustiza, enfrontando a política de desgaste, descrédito, manipulación e chantaxe levada a cabo pola Xunta, que non dubidou en negociar por detrás con catro organizacións sindicais mentres se negaba a sentar e avanzar nas xuntanzas co conxunto do comité de folga.

Criticou o proceder dos sindicatos "traidores" que entraron no xogo do PP "e que segundo se soubo despois xa tiñan amañado o acordo dende marzo pero deixaron que a xente se fora desgastando porque sabían que as traballadoras e os traballadores non ían aceptalo e que apostarían por seguir coa folga".

Cómpre lembrar que a CIG foi o único sindicato que actuou en todo momento con lealdade ao comité de folga e mantendo unha postura coherente e respectuosa coa vontade expresada polos traballadores e traballadoras na votación do acordo e informando en cada momento da marcha do conflito.

Opacidade da comisión de seguimento

Sobre a situación actual do conflito, tanto Chelo Rodríguez como Xesús Sánchez afirmaron que está pechado en falso, porque o acordo -cuxo contido as centrais asinantes nunca explicaron ao persoal- non remata coa discriminación laboral e salarial que levou á convocatoria de folga nin tampouco resolve os problemas da falta de persoal.

A opacidade é tal, que a CIG ten solicitada a convocatoria da Mesa Sectorial por entender que a comisión de seguimento da que se fala no acordo "está furtando competencias que son da Mesa Sectorial, o que constitúe unha ilegalidade absoluta. Non temos coñecemento do que están cocendo entre a Xunta de Galiza e os sindicatos colaboracionistas, non sabemos que acordos tomaron nesa comisión nin que asuntos están tratando".

Volver