Concentración nos Xulgados de Ferrol pola readmisión dunha traballadora da Fundación Theodora

Dende a CIG-Ensino denuncian que a medida é unha represalia por ter reclamado os seus dereitos
Ferrol - 28 Feb 2018

A CIG-Ensino desenvolveu unha concentración este mércores diante dos xulgados de Ferrol para esixir a readmisión dunha traballadora a que a Fundación Theodora despediu “por demandar os seus dereitos”. A protesta convocouse coincidindo coa celebración do xuízo polo despedimento disciplinario da traballadora “adicada a atender, animar e alegrar os tempos que as persoas están hospitalizadas, sobre todo nas plantas de pediatría, para atender eses momentos tan duros para as crianzas”.

Dende a CIG-Ensino de Ferrol explican que este non é o primeiro caso de despedimento por causas “disciplinarias” que se dá nesta entidade, senón que nos últimos tempos “leva sobre 10 despedimentos de persoas que teñen certa antigüidade e aposta por persoas de primeiro emprego para aforrar custes”. Unha política laboral, engade a secretaria comarcal da CIG-Ensino, Antonio Martínez, que resulta chocante “nunha empresa que se define como de acción social na súa páxina web e nos seus obxectivos, pero que na práctica premia a obediencia e castiga a reivindicación dos dereitos laborais máis elementais”.

A Fundación Theodora -que se define case como una ONG- aplica non obstante as medidas máis drásticas nas relación laborais coas súas traballadoras e traballadores e actúa, neste caso, “como unha empresa e non unha onegué como se fan chamar”.

A este respecto, denuncian que a reforma laboral do PP facilítalle as empresas desfacerse facilmente do persoal “que pide explicacións, que reclama os seus dereitos e que se lle pague o que con dignidade gañou”. Por iso, adiante, dende CIG-Ensino contestarase todas estas medidas represivas “encamiñadas e consentidas pola lexislación laboral”.